Cando escoitamos un concerto ou mercamos un libro cremos saber a quen atribuírlle o gozo, aínda que descoñezamos, en realidade, como se produce. Sabemos canto pagamos na entrada e tal vez quen forma o reparto ou como loce a autora na lapela. No mellor dos casos, até seriamos quen de identificar a produtora ou a editorial. Pero no fondo nos pasa o mesmo que coa comida: non temos nin idea de como chega onda nós, e que cousas nesa viaxe son xustas ou inxustas.

Chamámoslle pegada ecolóxica ao que algúns alimentos consomen polo camiño, e grazas a iso sabemos que algunhas froitas teñen boa cara pero agochan un verdadeiro crime ambiental. Algo así deberiamos facer cos produtos culturais que devoramos coma se viñesen de París no bico dunha cegoña. Algunha etiqueta debería lembrarnos as nóminas que hai detrás dunha boa iluminación ou cantas autónomas precarias e discontinuas fan posible unha noite de danza.

A cultura pode parecer un milagre, pero é un sector produtivo. É iso ao que se dedican miles de persoas en Galicia a cambio dun salario por debaixo da media. Un sector vulnerable, con altas taxas de temporalidade e precarización. O máis castigado pola crise económica da Covid-19, como vén de demostrar o último informe do Consello da Cultura Galega. Mil empregos destruídos nas primeiras semanas do confinamento e case un terzo dos traballadores e as traballadoras sometidas a un ERTE. Non é casual que sexa así. Máis da metade dos contratos na cultura adoitan asinarse entre finais da primavera e o comezo do outono. Xusto cando o becho mandou parar.

Para rescatar a cultura serven os mesmos argumentos que se empregan para dar axudas directas a outros sectores estratéxicos da nosa economía, cunha vantaxe engadida: non ten ningunha das contraindicacións que deberiamos verlle á fabricación de vehículos altamente contaminantes ou á burbulla inmobiliaria. Ben ao contrario, investir na cultura é investir en coñecemento, memoria, talento e imaxinación, todas elas enerxías renovables. É democratizar o acceso a un ben de primeira necesidade, sostelo e levalo aos barrios. É dereito á cidade con maiúsculas.

Fagámolo, pois, e comecemos pola casa. Paremos os recortes previstos polo goberno municipal, rectifiquemos o rumbo errático da Concellaría de Cultura no último ano e convirtamos a cidade da Coruña nun porto refuxio para a cultura. Impulsemos un plan de choque ambicioso e innovador confiando nese sector que tanto nos axudou nas semanas de encerro. A man da Marea Atlántica está tendida. Para un pacto pola cultura somos maioría.