Levar á bancarrota as institucións financeiras públicas encargadas de xestionar os aforros galegos, unha das comunidades coa taxa de morosidade máis baixa do estado, ten un mérito difícil de esaxerar, entregarlle despois ese mesmo aforro a un usureiro do Sur Global -igual de ruín que os do Norte, certo- forma parte xa da estupidez criminal. Así, na mesma semana na que os tribunais de xustiza obrigaban a Xunta de Galicia a entregarlle ao deputado de Galicia en Común-Anova, Antón Sánchez, os informes técnicos e políticos que avalaban a fusión das antigas caixas de aforros galegos, iniciábanse as mobilizacións en todo o territorio contra o peche de oficinas de Abanca e a imposición de comisións abusivas. Toda unha coincidencia.

O desastre das caixas ten o seu precedente inmediato na desregulación do sector propiciado polo artigo único do Real Decreto 1582/1988 que lles permitía a apertura de oficinas fóra do seu territorio de referencia. A continuación, e durante vinte anos xustos, o aforro dos galegos -gañado a pulso durante décadas de duro traballo na emigración- foi estragado en escuras operacións inmobiliarias no Levante español na Era do Pelotazo.

Cando por fin estoupou a burbulla no 2008, e se esluía en cuestión de meses o resultado de practicamente medio século de cultura ancestral galega do traballo e o aforro, deu comezo no noso país a operación político-financeira de tramitación máis opaca e resultado máis desastroso do que temos memoria. O desastre das caixas abondaría por si mesmo, nun país cun ecosistema mediático normalizado, para condenar ao seu principal responsable, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao cemiterio das carreiras políticas rematadas prematuramente. Desgraciadamente, non somos ese país. Recapitulemos.

En total, e segundo o estudo feito polo economista Carlos Sánchez Mato, o rescate e posterior privatización das caixas de aforro galegas coustoulle ao estado máis de 17 mil millóns de euros. 10 mil millóns do FROB; 5000 da Sareb e máis de dous mil millóns entregados a Banesco pola compra do antigo NCG Banco. Si, escoitou ben, entre exencións fiscais e garantías, o estado entregoulle a Escotet en total esa contía por un banco que, no seu primeiro exercicio, ofreceu máis de 1.300 millóns de euros de beneficios. Todo isto sen contar os depósitos privados dos empresarios galegos que decidiran investir parte no novo banco e resultaron tamén damnificados nesta operación.

Galicia é hoxe un país máis pequeno e deprimido que hai dez anos. Non se pode entender o noso declive acelerado se non temos en conta a desaparición da nosa banca pública, as antigas caixas de aforro. O peche de Isowat ou a venda da tecnolóxica R están directamente relacionadas con este feito, digno das crónicas de política económica dun país en vías de desenvolvemento. En circunstancias idénticas, a antiga Caja Madrid, hoxe Bankia, segue a ser un banco público en mans do estado. Abonde este feito para ilustrar o peso político de Feijóo en Madrid: ningún. Con Fraga e Cuíña a cousa sería distinta.