A Ciencia e a Innovación, o I+D+i, son factores básicos para o desenvolvemento dun país. Xa o sabiamos antes, porén a irrupción da Covid-19 fixo máis patente a necesidade de robustecer o sistema científico para ter opcións dun futuro digno. Malia esa evidencia, en Galicia imos por outro camiño.

Comecemos polos cartos investidos, porque se con eles non abonda, sen eles é imposible facer Ciencia e innovar. En Galicia o investimento en I+D+i supón só o 0,94 do PIB (1,24 en España; 2,11 en Europa). Asemade, unha parte dos nosos investigadores traballan en condicións precarias e inestables. Non existe unha carreira establecida e os investigadores formados afrontan incerteza porque os programas de postdoc actuais da Xunta non funcionan como debían e xeran expertos moi cualificados que en moitas veces non atopan traballo en Galicia e deben marchar fóra. O que supón dilapidar para o país o seu custe de formación: uns 500.000 euros por persoa! A expulsión de excelente capital humano segue activa e as medidas de retorno teñen un impacto numérico ridículo. A Xunta amosouse incapaz de aplicar modelos de éxito en captación de talento, tipo Ikerbasque (País Vasco) ou ICREA (Cataluña). Ademais, carecemos dun organismo, Axencia ou Consellería, que xestione todos os fondos de I+D e a fenda de xénero no mundo do I+D+i segue presente.

Programas

Imos ter unhas novas eleccións autonómicas, unha oportunidade para coñecer as propostas das diversas alternativas políticas. O PP ofrece un "Pacto pola Ciencia en Galicia", proposta que perde moita da súa credibilidade porque a sitúa na "senda de crecemento do investimento público e privado en I+D+i dos últimos anos", xa que por esa senda imos á marxinalidade científica. Outra oferta estrela é a posta en marcha do Programa Talento Galicia 2025, mais a proposta parte dun Programa, o Oportunius, que na súa aplicación demostrou que non resolve o tema da retención e volta do talento. Por certo, aos miles de investigadores galegos exiliados ofréceselles "un portal de talento", unha canle entre a oferta e a demanda. O PP entende que a Administración está para actuar coma unha xestoría; xerar condicións para a volta non figura nos seus plans.

Os programas dos grupos da oposición parten, loxicamente, dunha declaración a prol do incremento do investimento en I+D+i, cun aumento de persoal que debería ser un proceso ordenado que considere ao conxunto do tecido investigador e innovador, con criterios claros, obxectivos e xustos. Canto o programa do Partido dos Socialistas de Galicia (PSOE), non presta especial atención ao I+D+i e establece poucos compromisos concretos, se ben a presenza desta forza política no goberno sempre supuxo unha maior atención ao mundo da Ciencia. Aposta por fortalecer o sistema de Ciencia e Tecnoloxía, incrementando o investimento en I+D+i ata o 1,5% do PIB. Resulta positiva a proposta de promover I+D+i agraria e que, na campaña, este grupo se comprometeu a crear a Consellería de Ciencia e Innovación.

Galicia en Común (Podemos, Esquerda Unida, Anova, Mareas) centra a súa proposta na demanda do incremento en investimento en I+D+i e na necesidade de dispoñer de máis traballadores nese ámbito e en condicións de traballo dignas, estables e claras. Coida que cómpre converter a Ciencia e a I+D+i nun puntal da nosa economía aumentando o investimento en sectores estratéxicos, cara un novo modelo produtivo. Nese sentido, propoñen un Plan Galego de I+D+i 2020-2024, co compromiso de investir o 2% do PIB cara ao final da lexislatura. Canto os traballadores, pretende facer fronte á súa precarización e á "fuga de talento". O BNG, nun programa bastante completo, aposta por darlle un impulso á Ciencia e á Innovación e fala de incrementar o investimento en I+D+i ata o 2,5% do PIB. Sitúase a prol da definición dunha carreira profesional investigadora para o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e denuncia a precariedade de moito do actual traballo científico. Este grupo propón un programa de retención e captación de talento, Innogal, e sitúa medidas para a igualdade de xénero e conciliación familiar. Tamén fai unha discutible referencia á "ciencia útil", cando o importante é que a Ciencia sexa boa.

Debemos decidir

Estas son propostas que se nos presentan de cara ás eleccións do 12 de xullo. Gustaríame que xente relevante do mundo da Ciencia e da Innovación, personalidades, presidentes das academias de Ciencias e de Medicina, representantes dos colexios profesionais, etc. dixeran algo concreto sobre o que está en xogo para o I+D+i nestas eleccións, se lles parece ben o camiño que levamos ou cómpre un cambio de rumbo. Mais sei que iso non vai acontecer. Se atendemos ao comportamento histórico dunha parte substancial das elites galegas só teremos un interesado e cómplice silencio. Nun ano, este 2020 da pandemia, de moito silencio entre os que ocupan postos de privilexio e responsabilidade institucional na nosa sociedade. Esperemos que, polo menos, os integrantes do sistema de I+D+i de Galicia, actuais, futuros e os que quedaron fóra, os seus familiares, amigos e coñecidos, voten polos seus intereses, que son os da maioría, e demanden un cambio que urxe. Polo ben de todos.