Resulta doado entender cales son os atributos políticos máis valorados pola sociedade galega a partir dos resultados do domingo: as estruturas partidarias extensas; os liderados sólidos e as axendas centradas no país. Só dúas das candidaturas presentadas, máis alá das súas profundas diferenzas ideolóxicas, cumprían cos tres requisitos citados: o BNG e o PP, e resultaron recoñecidas como tal polos electores. O esforzo mancomunado e constante dos remeiros antes que o talento individual do surfista a cabalgar unha ola determinada no seu comezo e no seu final por un contexto histórico do que non é responsable. Moitas outras lecturas son posibles do acontecido este domingo pero unha delas é sen dúbida esa: a confianza dos galegos e galegas gáñase co traballo diario a pé de obra.

Mais non imos caer agora na inxenuidade meritocrática de pensarmos que, en política, a iguais esforzos se acadan idénticos resultados. Participamos nun campo de xogo inclinado en función da potencia dos distintos aparellos ideolóxicos e da súa capacidade para producir opinión pública e sentido común. As augas calmas que atravesa a barca do Partido Popular en Galicia son consecuencia directa do seu estrito control dos medios de comunicación do país, ademais doutras razóns sociolóxicas e históricas que exceden o alcance deste artigo. As augas toldas que tan traballosamente remontamos na esquerda son a outra cara da moeda do mesmo fenómeno. De todos xeitos, cómpre ter moito coidado coas lecturas autocompracentes e exculpatorias do acontecido o domingo porque impiden comprender o que acontece, como esixía Spinoza.

Feijóo leva apelando ao votante socialista desde hai ano e medio e no antigo entorno mediático do PSOE parécelles ben. Iso, ademais dun indubidable efecto Gallardón segundo o cal o político galego resulta máis útil, seica, no taboleiro da política cortesá como contrapeso a Casado que na oposición no Parlamento Galego. O goberno de socialistas e comunistas esixe, para algúns apelidos moi concretos, a visibilización dunha alternativa de concentración nacional, un goberno no que Feijóo e Calviño asegurarían en Europa ou no IBEX o cumprimento estrito do mal chamado principio de austeridade. Aínda así, sería un erro reducir os resultados do PP o pasado domingo ás comenencias da xeopolítica madrileña, son máis ben froito da tríade citada: partido, liderado e axenda galega.

Corenta anos despois, o PSOE segue á procura do PSdeG que soñou Ceferino Díaz e, unha vez máis, resulta evidente que Gonzalo Caballero nin quere nin pode chegar a ser o Pasqual Maragall que esixe o país do seu partido. Os resultados da provincia da Coruña, porén, tampouco deixan en moi bo lugar a quen podería aspirar a sucedelo e podemos agardar no futuro próximo un novo ciclo de liortas cainitas nun partido que, se non lle compite ao PP o espazo electoral de centro con eficacia, torna imposible o cambio político no noso país.

O espazo á esquerda ideolóxica do PSOE acadou unha vez máis mellores resultados electorais que o propio PSOE. Unha aparente anomalía que trataremos de esclarecer a semana que vén.