A distancia entre o proxectado por Beiras no seu discurso na Praza de Mazarelos o 25 de xullo de 2012 e o seu resultado final, os oito anos de tumultuosa vida interior e pública de AGE primeiro e En Marea despois, abonda para ilustrar a dificultade da esquerda para facer cadrar as palabras cos feitos. Unha dificultade inversa á da dereita, traducir en palabras os feitos, por iso a esquerda decepciona e a dereita minte. A proposta a de Beiras -reunir en pé de igualdade nun novo proxecto político a nacionalistas, federalistas e cidadanía organizada procedente dos movementos sociais- esixía dos seus participantes altas doses de xenerosidade e amplitude de miras, máis das que probablemente estaban afeitos a tolerar nas súas militancias partidarias previas.

Cómpre sinalar, a beneficio dun inventario que algúns comezaron xa a escribir por anticipado e moito pro domo, que a hipótese frontepopulista de unidade de acción entre nacionalistas e federalistas non formara parte dos debates da asemblea cismática de Amio de xaneiro de 2012. O que si existían eran experiencias previas semellantes naquela altura como a de ACE en Cangas, a coalición entre a FPG e EU ao abeiro teórico da Posición Soto promovida por Ferrín e outros nos anos 90. Aínda así, nas eleccións de outono do mesmo ano, a coalición AGE, liderada por Beiras e Yolanda Díaz, obtiña uns excelentes resultados cun discurso que conectaba de xeito inmediato co malestar social derivado da Crise de 2008: o 15-M, as Marchas da Dignidade, os inicios da Gürtel e da borbonada aínda hoxe ne curso. Daban comezo pouco despois os primeiros episodios dun fraccionalismo que, baixo a falsa dicotomía nacionalismo-federalismo, malamente daba agochado as miserias das vellas liortas pola cota de poder.

Dous anos despois xurdía con forza Podemos nas europeas e, no 2015, as mareas municipalistas semellaban materializar por fin as hipóteses máis avanzadas da proposta de Beiras no 12: a do liderado da cidadanía no novo espazo político. Coas súas endémicas tensións e apuros de última hora, e malia á accidentada traxectoria parlamentar de AGE, a nova expresión electoral do espazo de ruptura, En Marea, acadaba uns excelentes resultados nas autonómicas de 2016. Practicamente ao día seguinte, iniciaba de novo o seu ciclo patolóxico de tensións internas amplificadas por uns medios oficiais que no 16, a diferenza de catro anos antes, ollaban neste actor unha ameaza real á súa hexemonía que xa non compensaba a división do voto do campo contrario. O episodio turbio da elección de xeito telemático da nova coordinadora de En Marea no 18 púñalle o ramo ao seu proceso de descomposición interna e desprestixio público, un proceso culminado o pasado 12-X coa exclusión de Galicia en Común do Parlamento galego.

Pechado o ciclo 2012-2020, e recuperado o vello tripartidismo dos 90, a obsesiva cacería mediática dos restos do espazo de ruptura continuará cando menos ata as municipais de 2023. Tamén as arestas ideolóxicas do BNG pasarán agora a seren expostas publicamente nun momento de tensión territorial no estado. O que nunca cambiou de sitio é o poder en Galicia.