Bo día. Hoxe vémonos no Día de Galicia, con moito máis que festa e bos desexos. E porque o xornal virá cargado hoxe de cousas en relación coa visión de país de cada quen, nesa liña centrareime rapidamente xa en dous retos específicos que, para min serán críticos de cara á vindeira terceira década do século XXI. E digo específicos porque outros son comúns non só a Galicia, senón a todo o territorio español, europeo ou mesmo para toda a Humanidade. Aquí falaremos só dos que, máis que a outros, tráennos de cabeza...

E o primeiro de todos é o reto demográfico. Podemos dicir o que queiramos, pero este é o máis grande problema que temos. E o certo é que áreas enteiras da nosa comunidade perden pulo cada día por non teren poboación suficiente. A pirámide poboacional invertida xa vén de vello en Ourense e Lugo, e todo iso implica unha falla de coidado do medio que logo pasa factura. E que facemos? Pois ou nacemos máis, ou veñen persoas de fóra con vontade real de que pasen aquí o resto das súas vidas. Ou unha cousa, ou a outra, ou as dúas.

Pero non, non somos quen de comprender a verdadeira magnitude do que estamos falando, como primeiro paso para albiscar algunha sorte de solución que poida ser verdadeiramente razoable. En tempos de campaña electoral sempre saen á luz estas cousas, pero ou para ser logo esquecidas ou para converterse en medidas ben intencionadas pero de curto percorrido, nin axeitadas nin con efecto algún no medio prazo, visto con certa perspectiva.

Moi relacionado con tal declive demográfico, está o segundo reto que vos comento. E este ten que ver coa actual perda de peso do noso mundo rural. Peso económico, produtivo, por suposto, pero tamén desde o punto de vista da propia vertebración territorial. Porque desde que ás persoas deulles por ir ás cidades, presunto cumio da felicidade e do progreso, mesmo se ten visto mal vivir no campo. Eu, por sorte, fixen o camiño inverso, dándome conta do luxo tibetano que isto é, e desexando aínda moverme a un sitio máis pequeno. As cidades, non nos enganemos, funcionan moitísimas veces como un verdadeiro espellismo. Máis oportunidades laborais, iso si, pero a que prezo no persoal? Ademais, boa parte disto está superado, nos eidos de maior cualificación, porque o teletraballo o a capacidade tecnolóxica -aínda que algúns non o vexan- fan verdadeiras marabillas.

Son dos que pensan que o futuro de Galicia pasa, precisamente, por reivindicar, revitalizar e reproxectar o campo. Por fixar a poboación nel, tal e como falaba eu vinte ou máis anos atrás, cando o máis in era a cidade sen que case ninguén o cuestionase. E creo que isto ten que vir da man, ademais, dunha aposta clara e sen precedentes polas políticas que o favorezan. Moito do que Galicia pode hoxe ofertar ao resto do mundo pódese artellar desde o campo. Da agroprodución sostible, a gandería sostible, pasando pola industria do viño de calidade, os derivados do leite e outros produtos coidados e senlleiros, á industria de altísimo valor engadido, á enerxía, o ecoturismo sostible ou sectores xa catalogados como de especial forza e enorme valor cara á exportación. O mar e toda a súa capacidade produtiva cando se trata ben e se mira con cariño e coidado, sen demasiada présa por arramplar e saír correndo. E a industria da paisaxe, sabedores de que temos unha contorna natural privilexiada, que sen embargo acostumamos estragar moitas veces. Pero Galicia é tamén tecnoloxía punta, en diferentes eidos. É posicionamento en campos estratéxicos do saber e da ciencia, e todo iso temos que coidalo, seguramente con máis centros singulares, mellor dotados, e moito menos exposto a todo o que non sexa eminentemente orientado á súa excelencia produtiva. Temos que deixar de exportar rapaces e rapazas ben preparados, que son benvidos logo en afastados lugares para o desenvolvemento de carreiras investigadoras e profesionais, cando se encontran co tapón de sempre aquí, e xa non teñen na casa futuro... E temos que crer en nós, simplificar a Administración Pública, reconverter as Deputacións noutra cousa máis orientada aínda aos servizos municipais, ou integralas na Xunta, e non ter máis de cincuenta ou sesenta Concellos, artellados en torno a vilas que teñan unha verdadeira influencia no seu amplo territorio.

Moitas cousas máis haberá, pero diso xa teremos moito nas diferentes reflexións que, co gallo deste día, teñades por aquí ao lado. Xa falaremos máis...