O deportivismo está disposto a perder no campo, non nos despachos. Non está disposto a ser a vítima propiciatoria da escura trama de mentiras e manipulacións urdida polo infame Tebas e os seus negocios familiares baseados na explotación descarada da súa posición de poder na Liga, é dicir, no tráfico de influencias puro e duro. O deportivismo e a Coruña non poden deixar pasar por alto tampouco o gravísimo atentado á saúde pública provocado pola viaxe do Fuenlabrada á nosa cidade. Unha viaxe autorizada por Javier Tebas en persoa que nunca debeu ter lugar. Unha viaxe autorizada por Javier Tebas en contra dos seus propios protocolos e sendo plenamente consciente dos elevadísimos riscos que comportaban para a plantilla do Fuenlabrada e para todas as persoas coas que mantivera contacto. Unha viaxe autorizada con premeditación e aleivosía, e que non tiña máis obxectivo que o de evitar a suspensión da última xornada da Liga aínda ao custe de poñer en risco a saúde de toda unha cidade, como así foi.

O deportivismo e A Coruña non van tolerar impunidade algunha con Javier Tebas, nin cos seus turbios negocios familiares, nin con toda a corrupción aniñada no cerne da Liga de Fútbol Profesional. Esiximos a súa dimisión inmediata. Esiximos que a mesma persoa que autorizou a celebración do partido do Calderón despois do asasinato de Jimmy deixe de insultar a dignidade dos coruñeses e coruñesas cada día coa súa permanencia no cargo. Mañá mellor que pasado.

Nunca saberemos o que tería pasado na última xornada da Liga de Segunda se o Deportivo comezase cos tres puntos gañados pola non comparecencia do seu rival, como debería acontecer se o militante de Fuerza Nueva e ultradereitista confeso Javier Tebas non o impedise. De todos xeitos, a cuestión debe resolverse agora en instancias diferentes ás dunha Liga de Fútbol Profesional completamente deslexitimada para mediar neste caso pola actuación parcial e interesada do seu presidente. O Consello Superior de Deportes e a Federación deben tomar cartas nun asunto que corre o risco de deixar en evidencia, unha vez máis, esa corrupción estrutural do fútbol español invisible para o VAR.

Sen dúbida, cometemos unha morea de erros para ter chegado a esta situación. Erros deportivos, erros na xestión económica e erros no modelo de clube que remataron coa súa venda encuberta. Mais hoxe non é o momento de analizalos nin de depurar responsabilidades. Hoxe é o momento de xuntar forzas e esixirmos unha reparación ao dano causado á nosa cidade e ao noso clube, e esa reparación só pode comezar coa dimisión de Javier Tebas, persoa non grata na Coruña.

Resulta realmente emocionante contemplar estes días o espectáculo dunha cidade que loita unida esixindo xustiza. Alguén acaba de mancar unha febra sensible da nosa identidade colectiva e aínda non sabe ben o erro que acaba de cometer. A Coruña orgullosa, A Coruña insubmisa e popular, A Coruña de Alcoa, A Coruña das praceiras e dos barrios maniféstase hoxe de xeito masivo e unánime esixindo xustiza. Seralles mellor que a escoiten.