Como a Santísima Trindade ou a Inmaculada Concepción, a inclusión da monarquía nun texto e nun tempo republicano, baseados no principio de igualdade ante a Lei, constitúe o que a patrística e a literatura relixiosa denominan misterio, en definición da RAG: dogma que non pode ser entendido pola razón e que debe aceptarse e crerse pola fe. Esta excepcionalidade, a da situación por riba da Lei da institución monárquica, esixía dos seus protagonistas precisamente todo o contrario do que acabaron facendo: un estrito apego á lei e ao dereito, unha exemplaridade moral absoluta. A monarquía española, para poder sobrevivir nun contexto e nun tempo como o presente, debía tornar republicana, debía comportarse como as outras coroas que deron remontado os textos de Voltaire e as revoltas igualitarias que os seguiron.

E por que non foi quen a monarquía española de se adaptar aos novos tempos que comezaron hai xa aproximadamente dous séculos e medio? Pola súa orixe franquista, porque o seu nacemento e a súa lexitimidade non proceden dun pacto, máis ou menos forzoso, entre o soberano e os seus antigos súbditos, agora cidadáns e iguais ante a Lei, senón do puro dereito de (re)conquista, dunha imposición gañada polas armas e levantada sobre os restos, malamente soterrados, da II República. Eis a gran diferenza entre a monarquía española e as outras dinastías parlamentarias europeas coas que comparte tempo histórico: a española herda os atributos do réxime autoritario que a precede. Así, ademais de inviolable e irresponsable, ademais de estar por riba da Lei como as súas homólogas europeas, a monarquía española leva ademais 40 anos protexida pola máis estrita das censuras, situada máis alá da verdade, da transparencia, do dereito á información e rendición de contas debida á cidadanía que tan xenerosamente lle paga o seu salario. Esta contradición, a dunha institución protexida cos mecanismos propios do Antigo Réxime incrustada no século XXI, é a que manifesta hoxe con toda crueza os seus efectos: o rei emérito non se dirixe na súa carta de despedida aos seus antigos concidadáns, senón só ao novo rei, única autoridade á que cre deberlle obediencia. Erra o tempo e o lugar: a monarquía española esixe súbditos e non atopa máis que cidadáns cabreados ante a súa conduta.

Talvez por esta razón o rei emérito encaixaba tan ben entre os diversos sultáns, emires e monarcas absolutos do mundo árabe -todos eles, por certo, aliados vitalicios da OTAN- porque en realidade comparte con eles a mesma concepción da monarquía como unha institución situada máis alá da Lei, da responsabilidade e da exemplaridade. Comparte a mesma concepción do estado como un patrimonio familiar transmitido en herdanza a través dos séculos. Comparte o apetito de luxo como única paixón verdadeiramente digna dun monarca. Comparte, en definitiva, a mesma indiferenza condescendente co seu pobo.

Como non podía ser doutro xeito, a ruína da monarquía española chegou de fóra, dunha prensa estranxeira que se mantivo, afortunadamente, lonxe do alcance dos lexisladores do 78, da Audiencia Nacional e do delito de inxurias. Fin do misterio.