Logo dun agosto sen agosto para quen fai deste mes o piar do seu sustento para o resto do ano, un sector hoteleiro-hostaleiro que representa na nosa cidade aproximadamente un 15 por cento do emprego, chega agora o outono máis cargado de malos presaxios e incertezas dos últimos tempos, que xa é dicir. Cunde o pesimismo cando non o temor ante o futuro económico inmediato, a evolución do andazo e a situación política nos seus distintos niveis, local, nacional, estatal e internacional.

No caso do regreso á escola da cativada, por ilustrar cun caso práctico o absentismo gobernativo, a conselleira Pomar e a ministra Celaá entraron nunha feroz competencia pola incompetencia. Ningunha das dúas quería se facer cargo da súa obriga estatutaria, constitucional e salarial de dialogar cos axentes sociais, organizar os espazos, dirixir o persoal, de gobernar, en suma, como se agarda delas. Talvez non lle chegaron aínda as instrucións da Merkel.

Dicir Merkel é dicir Europa nestes momentos. Semella que a premiere alemá aprendeu por fin, dez anos máis tarde, que o seu país non pode prosperar sobre a ruína dos estados que son clientes das súas industrias e dos seus bancos. A actitude dos países do Sur, os malpocados PIGS, porcos, nas xuntanzas do Eurogrupo imítase cada vez máis á do pecador compulsivo ante o seu confesor: neboenta a mirada, o xesto contrito, disposición completa a aceptar en silencio calquera penitencia con tal de que lle amplíen o préstamo un pouco máis. Ironías do destino, será precisamente o PSOE, o partido que levou a cabo o gran proceso de desindustrialización dos 80 e que onte mesmo rexeitaba intervir Alcoa porque "iso é propio de países comunistas", o que terá que xestionar o fondo de 140 mil millóns destinado á política industrial. Estamos aviados.

Da outra beira do Atlántico, o sudista Trump semella estar disposto a levar o país ata o mesmo borde dunha guerra civil para converter as eleccións de novembro nunha escolla entre o caos e a orde armada ata os dentes que el representa. O ticket demócrata pode amainar o pulso da tensión racial polo simple efecto da escolla da obamiá Kemala Harris como candidata á vicepresidencia, mais non moverá un só milímetro a distribución da riqueza nos Estados Unidos: nada de suba de impostos aos ricos, nada de cobertura sanitaria universal e gratuíta. Parte da clase traballadora branca sabe xa que os demócratas garanten o regreso ás políticas pro-Globalización canceladas por Trump, é dicir, ás deslocalizacións e á fuxida das industrias.

A nivel local, o outono tamén amence encrespado. Ao fracaso das xestións nos corredores da CSD para evitar o descenso do Dépor, súmase a desertización súbita de Alvedro, coa perda dramática do enlace con Heathrow, ademais dunha radical reorganización do goberno coa incorporación ao cadro dunha concelleira que se presentara ás eleccións de maio do 19 baixo as siglas doutro partido. Falta de peso político en Madrid, desleixo nas sempre sinuosas negociacións coas aeroliñas e mañas ourensás para ampliar a plantilla. Outono.