Dicía Noam Chomsky a mediados dos 90 que o que sabían nos Estados Unidos sobre a situación en Latinoamérica a través dos seus medios de comunicación, ou ben era mentira, ou ben non tiña importancia. Se no aforismo do eminente lingüista trocamos as palabras Latinoamérica por Galicia e Estados Unidos por Madrid, atoparemos unha descrición exacta da visión do noso país que nos chega a través dos medios estatais: a dun paraíso de sanidade pública universal e garantida grazas ao exquisito funcionamento dunha administración, a Xunta de Galicia, dirixida, ata o menor detalle, por Núñez Feijóo en persoa.

Mágoa que non sexa certo, a verdade, porque, se extrapolamos os parámetros de Galicia e Madrid en relación coa facilidade de transmisión do virus -gran densidade de poboación nun entorno altamente urbanizado, como Madrid, fronte a un país de poboación dispersa e sen grandes urbes como o noso-- concluímos que a xestión da pandemia en Madrid e Galicia foi en realidade bastante parella.

Cómpre lembrar que aquí dimitiu en plena crise sanitaria a directora da área sanitaria de Vigo, denunciando a falta de medios dispoñibles e a censura da Xunta de Galicia; que os conselleiros de Sanidade e Educación foron discretamente relevados dos seus postos pola súa manifesta incompetencia mediante un cambio de goberno; que se ameazou durante medio verán con decretar o confinamento da área sanitaria coruñesa, o que logo se fixo por parroquias e, como non, sinalando os barrios obreiros da Coruña como principais focos de infección.

Cómpre lembrar tamén que o inicio de curso en Galicia foi suspendido por careceren os centros educativos das mínimas garantías sanitarias; que nas circulares que a Consellaría de Educación lles remitía aos concellos facíaos competentes de desinfectar os centros de ensino sen dotalos de medios económicos para tal fin. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia fixo responsables aos concellos polo espallamento do andazo e aos centros de ensino por non atoparen solución ao prevsible ateigamento nas aulas. Cómpre ter en conta tamén a dramática situación nas residencias privatizadas da Domus Vi, condecoradas por certo no seu día polo ínclito Conselleiro de Industria, Francisco Conde, elevado hoxe, de xeito misterioso a xulgar polos seus méritos, nada menos que á categoría de vicepresidente do goberno. Cómpre lembrar tamén, en definitiva, que ninguén sabe aínda cantos son, como os recrutaron, onde traballan nin que formación recibiron os misteriosos equipos de rastrexo da Xunta de Galicia, considerada a peza clave á hora de evitar o espallamento do andazo.

A folla de servizo que acabo de presentarlles vén asinada polo presidente da Xunta de Galicia, e mesmo podería ser ampliada aínda máis deica concluír que quen nos goberna en realidade non é Núñez Feijóo, senón Díaz Ayuso en persoa, porque, finalmente, agás da evidente superioridade da estratexia comunicativa de Feijóo respecto de Ayuso, non atopamos diferenza cualitativa algunha na xestión de dous políticos que fixeron do desmantelamento dos servizos públicos e a regresividade fiscal ao servizo dos máis ricos o seu único dogma indiscutible.