"España son unha serie de puntos situados a distintas distancias de Madrid", escribiu Pasqual Maragall na apoteose daquela furia recentralizadora que Vázquez Montalbán definira como "aznarato". A verdade é que o recurso á metonimia España=Madrid nas palabras dun político como o exalcalde de Barcelona, militante no federalismo teórico e no decoro retórico, soa aínda máis contundente porque semellan corroborar as teses máis avanzadas do colonialismo interior. E non lle faltaba razón ao neto do autor da Oda a l'Espanya.

O certo é que a pulsión recentralizadora do estado español en tempos de Aznar foi moito máis alá da simple explotación das vantaxes competitivas que lle confería a Madrid o seu status de centro metropolitano na relación colonial que mantiña co resto do estado. Vantaxes, en si mesmas, gorentosas, como a de teren alí censada a práctica totalidade do aparello administrativo do estado; ser a estación término dunha rede viaria concibida de xeito radial ou se beneficiar da tremenda asimetría nos investimentos do estado en grandes infraestrutura, como a T-4, ou da socialización da débeda de 6.000 mil millóns de euros contraída polo concello para financiar o custe 200 quilómetros de metro baixo o goberno de Gallardón, mentres Galicia carecía dun só quilómetro de tren de proximidade.

A operación recentralizadora ía moito máis alá e implicaba tamén prácticas que os teóricos da Dependencia definiron como "acumulación por desposesión", é dicir, o recurso ao emprego por parte do centro metropolitano de ferramentas políticas para se apropiar dos recursos da súa periferia que non pode acadar pola vía ordinaria. O asalto ao capital financeiro basco, o BBV, con actuación estelar incluída do sempiterno Villarejo, hai que lela desde esta perspectiva, ou mesmo o veto a venda da eléctrica Endesa á catalá Gas Natural e posterior autorización da mesma á empresa pública italiana Enel, a mesma que vén de pechar de xeito repentino a súa central n'As Pontes hai uns meses. Os excedentes gañados con estas políticas de apropiación fixeron posible, ademais, a posta en marcha dunha verdadeira operación de dumping fiscal, que propiciou a marcha de multitude de empresas da periferia do estado e o seu asentamento en Madrid. Madrid medraba, literalmente, sobre o baleiramento do resto do estado.

A centralización dos poderes político, económico, demográfico e mediático da capital do estado acumulada ao longo das últimas décadas chegou hoxe ao seu paroxismo. Fica cada vez máis claro que Madrid non puido ser pechado ao comezo da crise, nin hoxe tampouco, polo temor que lle inspiran as súas consecuencias políticas ao goberno do estado. Neste sentido, o goberno parece prisioneiro da diagnose de Maragall de hai 30 anos, e mesmo das profecías apocalípticas da súa imperial e gaseosa presidenta, Díaz Ayuso, cando proclamaba o de "Madrid é España e España é Madrid, se Madrid cae, España tamén", unha declarción que sen dúbida contén máis significados dos que a súa autora quixera. O minotauro madrileño, como o cretense, gobernado polas súas elites neoliberais embarcadas nunha liorta partidista e dogmática, esixe de nós un tributo letal. Cómpre un novo Teseo.