"O aparato do Estado e os medios de comunicación van aparte, ou os controlas ou estás morto", velaquí as obras condensadas de Maquiavelo, Hobbes e mesmo de Althüsser en palabras dun autor descoñecido, aínda que gran coñecedor dos principios do realismo político: o expresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio Aguado. Non se podería dicir máis con menos, nin describir con maior exactitude a clave para a supervivencia política da dirección dun partido, o PP, que fixo da expropiación dos fondos públicos unha das belas artes, tal e como atopamos descrito en detalle no sumario da Gürtel, un guión á altura do Sorrentino de Il Divo.

Porque, en efecto, para un político entregado en corpo e alma á causa de converter o Canal de Isabel II nun sofisticado medio para o seu lucro persoal, o control da alta maxistratura, a iso se refire cando fala de aparato do estado, torna imprescindible. Segundo refire na mesma conversación pinchada que mantiña con outro dos grandes nomes do Crematorio de Chirbes, Eduardo Zaplana, aos xuíces con excesivo celo polo seu oficio habería que envialos a Onteniente "a escarbar cebollinos", que debe ser o equivalente cañí do noso "a sachar na horta".

O certo é que o Partido Popular mandou xa uns cantos xuíces a Onteniente a tal hora, o primeiro de todos, nada menos que Baltasar Garzón, inhabilitado durante once anos nos prolegómenos da Gürtel. Anos máis tarde, Elpidio Silva, perdería o seu traballo durante outros 17 anos polo caso Blesa, do que agora acaba de saír ceibe Rodrigo Rato en terceiro grao. Poderiamos ampliar a listaxe, pero penso que os exemplos anteriores abondan para expoñer os riscos de investigar o Partido Popular no estado español. Por iso chama, e moito, a atención, que sexa precisamente este partido quen denuncie hoxe en Bruxelas a tentativa do actual goberno de evitar a cooptación do Tribunal Supremo pola dereita mediante un novo procedemento para cubrir as prazas vacantes no Consello Xeral do Poder Xudicial. Cousas veredes. A cuestión non tería maior transcendencia -alén da quebra, aínda máis, do prestixio internacional da xustiza española, bastante danada xa despois do caso Bateragune ou das reviravoltas xurídicas para converter unha causa política, o Procés, nunha penal- se non fora porque pode supoñer unha rebaixa nas contías do Plan-Merkel-que-estás-en-los-cielos para a facenda pública. E os cartiños son palabras maiores.

En realidade, a quen mandaba a Onteniente Ignacio Aguado, probablemente sen sabelo, era ao mesmísimo Montesquieu e ao principio de separación de poderes, pedra angular das democracias liberais. Non pasa nada, Montesquieu finalmente non era máis que un gabacho que non tiña nin idea de como funcionan as cousas ao sur de Roncesvalles, de como o uso partidista do aparato do estado, caso Kitchen, pode ter maiores consecuencias xurídicas que o contido inocuo ou morboso da tarxeta dun teléfono móbil, caso Dina. Tampouco podería concluír a partir dos feitos o Barón da Breda, que en Galicia existiu ao longo dos últimos anos algo semellante ao terrorismo, Operación Jaro.