Labañou quere mar. Nunha cidade como a nosa, unha península chantada no medio do Atlántico, non debería resultar tan difícil garantir para case todos o dereito á vista liberadora do gran océano, quer pola banda de fóra, do Orzán e Riazor, quer pola banda da ría, do Porto e de Oza. Porén, as décadas de urbanismo desarrollista que padecemos desde os anos 60 ata antonte mesmo foron quen de obrar ese estraño maleficio: tornar a visión do mar un privilexio ao alcance duns poucos privilexiados nunha cidade mariñeira que ten un faro por emblema.

Moitas cousas foron voltas a poñer no seu sitio en maio do 19, entre elas, sen dúbida a máis importante é a do regreso do gran diñeiro do ladrillo e o cemento ao lugar de preeminencia que ocupaba antes de maio do 15. Este feito explica a estraña paz social por arriba da que goza hoxe A Coruña, unha cidade na que, a xulgar polos titulares dos seus principais medios de comunicación, o seu único gran problema relacionado coa vivenda son as 13 persoas desaloxadas da que ocupaban na Falperra, e que xa foron xulgadas de xeito sumario e declaradas culpables de non se sabe que delitos por parte da Delegación do Goberno. Sen dúbida, todo un logro da dereita o de converter a okupación no principal problema relacionado coa vivenda agora mesmo en Galicia, na Coruña e no conxunto do estado, e non tanto a dificultade para acceder a ela a un custe razoable para a maioría da xente.

Volvamos a Labañou. Asombra polo seu cinismo o argumentario que agora empregan na área de Urbanismo do Concello para xustificaren a construción dunha mole de 13 andares fronte ao mar nas Percebeiras. O novo concepto é o de "colmatar", que vén a ser algo así como a transposición á doutrina urbanística do "horror vacui" medieval. Nada debe ficar baleiro, todo debe ser ocupado. A cidade vese reducida así a unha especie de colmea, unha sucesión de torres de vivendas en maior ou peor estado, que os coruñeses habitan entre as oito da tarde e as sete da mañá, pois o resto do tempo agárdase que o pasen no traballo ou nun centro comercial ao que poderán chegar tamén no seu vehículo privado. A Coruña é concibida, pois, como unha moderna megalópole xaponesa, na que o concepto de espazo público non existe máis que nas aceiras e nas rotondas. Mágoa que os nosos xestores públicos de antano non trouxeran das súas viaxes a Centroeuropa e Inglaterra tamén o concepto de parque e zona verde, ademais do de tranvía victoriano de dubidoso uso turístico. As árbores dan sombra, non cartos.

Empty Coruña, A Coruña Baleira. Hai apenas dous anos un grupo de arquitectos e urbanistas dirixidos por Plácido Lizancos amosou que a cuestión na nosa cidade non era construír máis, senón aproveitar o xa construído ou a medio construír, esas vinte mil vivendas baleiras, segundo o IGVS, que, porén, nunca aparecen no debate político. Eran outros tempos.