Por vez primeira desde o inicio da pandemia, as medidas disciplinarias do goberno atoparon unha contestación tumultuosa nalgunhas das cidades do estado. As escenas de loita na rúa e contedores ardendo non deben levarnos, porén, a engano: aínda que o cabreo ante os efectos da crise e as restricións dos distintos niveis gobernativos sexa moi transversal e heteroxéneo na súa composición social, prevalece sobre todo entre os que pensan que as normas están feitas unicamente para aqueles que non poden pagar a multa por infrinxilas.

Os manifestantes dos barrios altos de Madrid e, probablemente, tamén a maioría da rapazada que estes días levantaba barricadas en Barcelona berrando "Liberdade" á maneira dun William Wallace ou un Roi Xordo contemporáneo, comparten un mesmo relato que explica os feitos actuais, a pandemia en curso, en clave conspirativa. Desde logo, non debemos condenar a quen trata de buscar unha explicación racional coa que amainar a vertixe producida pola gravidade duns feitos de magnitude descoñecida. Sen dúbida, a xénese do relixioso ten, en parte, as súas raíces nesta experiencia de espanto colectivo: "acordámonos de Santa Bárbara cando trona", e hoxe abundan tamén as explicacións á praga en clave milenarista e de castigo divino aos excesos de avaricia e resto de pecados mortais sen expiar acumulados pola nosa malfadada especie nos últimos dous mil e pico anos cando menos.

Mais ao que nos referimos cando falamos de relato conspirativo é a unha elaboración moi concreta dos feitos, racional, materialista e, desde logo, impecablemente lóxica -como lóxicas son sempre as narracións de Philip K. Dick ou de Robert Ludlum- segundo a cal a pandemia é o resultado asombrosamente exitoso do esforzo mancomunado dunha verdadeira confederación internacional de súper viláns capitaneados por George Soros e da que formarían parte tamén Bill Gates, o círculo de ricachóns de Bilderberg e o Comité Central do Partido Comunista Chinés. A esta disparatada nómina de grandes maquinadores da praga úneos o obxectivo común de asegurar a substitución pacífica do imperio norteamericano polo chinés nun novo estilo de gobernanza global autoritaria baseada no emprego masivo das novas ferramentas da información dixital e no big data.

Por suposto, todo encaixa. En efecto, existe unha pugna entre os EEUU e China pola hexemonía mundial, unha apropiación escandalosa e delictiva da nosa vida privada por parte das Big Tech e unha redución drástica dos estándares de mobilidade aos que estabamos afeitos. Iso é todo. O resto é fantasía, unha fantasía, esta si, perfectamente deseñada polo que o Montero Glez alcumaba en tempos como "a internacional pija", a irmandade dos que pensan que o respecto ás normas é cousa de pailáns, pobres e mansos. Esta irmandade da dereita alternativa contemporánea ten o seu centro de produción ideolóxica nos think tank norteamericanos como a Breitbart News, un promotor a escala mundial como Bannon e réplicas en todas partes con maior ou menor capacidade retórica, dos máis básicos Salvini e Abascal aos elocuentes Federico e Cayetana. Coidado: unha sexta parte da poboación acredita nas súas ficcións.