Este sábado fomos ao réquiem pola hostalaría que tiña lugar a mediodía na Praza de María Pita. Como acontece sempre nestes casos, a esquerda dedicouse a analizar se o que tiña diante dos ollos era ou non era de esquerdas. A pregunta viña a ser máis ou menos a seguinte: son os taberneiros clase traballadora? En función dunha resposta ou doutra, terían dereito ou non a seren salvados polo Estado que somos todos, ou a iren a pique e permanecer condenados para sempre no círculo do inferno reservado á pequena burguesía. Velaí o seu verdadeiro drama: os partidos de dereita só atenden os intereses da gran empresa, e os de esquerda non os consideran realmente os seus, de aí o seu máis que razoable cabreo, un cabreo que pode chegar a ser explosivo se alguén sabe ofrecerlles hoxe una solución sinxela á súa situación que, desde logo, ten unha solución máis complexa que a supresión da clase política no seu conxunto.

Na parte traseira da concentración xuntábase a xente que ía participar na Marcha cívica organizada por Monge para reclamarmos a devolución da Casa Cornide ao pobo da Coruña. A casa foi un agasallo que no seu día lle fixo Pedro Barrié de la Maza aos Franco, é dicir, un suborno, porque así é como funciona en realidade a gran empresa: intercambiando favores con quen manda. Mentres agardabamos polo comezo da marcha, fíxome saber Domingo Verdini, o do Castrillón, que son mellor escritor de temas culinarios que políticos, e boeno, concluín eu, nunca somos o queremos ser, senón aquilo que a xente cre que somos. En todo caso, consolábame mentres requentaba na casa para o xantar os restos do cocido da véspera, a política e a culinaria non son cousas tan afastadas como poida parecer: unha trata da alimentación individual e a outra da colectiva. Eis é a única diferenza.

A Marcha cívica xuntou a boa parte da plural esquerda coruñesa, esa que só se xuntaba nas fosas comúns de Franco, e finalizou cun discurso de Manolo Rivas no que a Ditadura era definida en termos anteriores á linguaxe política e, por tanto, máis poderosos, como unha etapa indecente da nosa historia, así que o acto resultou, ademais de ilustrador, entretido. Volvendo ao cocido, e moi a pesar das prevencións ferriniás en contra dos garavanzos por castelanistas, esnobs e forasteiros, debo dicir que eu os prefiro no cocido ás fabas, iso si, os garavanzos envasados aquí ao lado, en Nostián, por Legumbres García, "La calidad elegida", casa fundada en 1918, a data de pasamento, por certo, de Manuel María Puga y Parga, o gastrónomo e alcalde da Coruña máis coñecido como Picadillo.

En contra do criterio do seu partido, o conservador, Picadillo apoiou sendo alcalde a folga xeral coruñesa do 13 de agosto de 1913, o que lle custou a súa destitución fulminante e a homenaxe multitudinaria da clase obreira coruñesa. Morreu, por certo, vítima da chamada gripe española, a pandemia de hai hoxe cen anos.