A semana pasada, mentres na Coruña debatiamos sobre o futuro do Pazo de Meirás, soubemos da carta que varios centos de militares retirados lle remitiron ao rei fillo do rei emérito nos Emiratos para dicirlle, entre outras cousas, que España, ni rota ni roja, que nesta democracia sobran uns 26 millóns de votantes, e que eles están dispostos a botar unha man no que faga falta, maxestade. Calquera que vexa nestas cousas reminiscencias da Guerra Civil ou do 23-F é que ten un problema grave de vista, vive ancorado no pasado e non sabe mirar limpamente ao futuro para reclamar liberdade sen ira, como cantaban os Jarcha.

A cousa poderiamos pasala por alto se non fora porque aquí pasou o que pasou. Porque hai menos de cen anos, en efecto, os militares axudaron a arranxar unhas maiorías sociais que deran resultados errados nas urnas, é dicir, a vitoria ao Frente Popular no 36. Frente Popular é un deses sintagmas malditos da historia contemporánea española que ninguén vindica, malia a estar hoxe de novo no goberno tres das súas partes, falta a anarquista un feito que parece suscitar reaccións semellantes na opinión pública acuartelada.

A cousa dos militares poderiamos pasala por alto se non fose tamén porque hai menos de corenta anos, o 23 de febreiro do 81, os militares estiveron a punto de someternos outra vez a unha desas clases maxistrais súas de corenta anos de duración sobre os riscos da democracia representativa. No golpe frustrado daquela noite -sen dúbida algunha, o episodio máis narrado da democracia española en todos os formatos e xéneros posibles e case sempre desde o mesmo punto de vista- tivo un papel estelar Alfonso Armada, o xefe da Casa do Rei durante 17 anos. Por suposto, é posible que o rei emérito nos Emiratos non estivese ao tanto da cuestión, porque esa é unha virtude que adorna os Borbóns desde sempre: a de non saberen nada de certas cousas indecorosas que pasan xusto de par deles. É unha virtude endémica, propia das dinastías e das familias afeitas ao exercicio do poder durante moitas xeracións.

Cadroulle, ademais, para completar o cadro infame que, pouco despois da carta dos militares ao rei Felipe VI, soubemos que o seu pai, o rei emérito nos Emiratos, tiña vontade de exercer sobre a súa propia persoa física e xurídica o dereito de graza que lle confería o dereito medieval ao soberano. Máis en concreto, o que pretende o rei emérito nos Emiratos é entregarlle medio millón de euros a Facenda a cambio do perdón das súas penas pasadas e do cesamento das investigacións. Perdón, quero dicir de non inicialas, porque nesta ocasión Facenda e a Fiscalía están a aplicar as garantías da presunción de inocencia cun rigor nunca visto con anterioridade.

Estes son espectros de Meirás que traen hoxe de novo á nosa memoria certas fotos de familia no verán ás portas do Pazo cos Franco e is Borbón mesturados. En España o pasado nunca pasa.