En política, a liña recta case nunca é a distancia máis curta entre dous puntos. A ocultación dos obxectivos estratéxicos, a linguaxe oblicua e o agocho das verdadeiras intencións forman parte do repertorio táctico que o máis torpe aprendiz de político ten asimilado xa no primeiro cuadrimestre. Existe un programa de culto, que é o que se emprega na campaña electoral, e un programa oculto, que é o que verdadeiramente se leva a cabo no poder. O programa de culto está destinado a seducir maiorías, e o oculto a contentar esas selectas minorías do poder económico con capacidade para determinar a opinión pública.

Na Coruña asistimos nos últimos tempos a unha envolvente dialéctica que ten como único obxectivo lexitimar o regreso das grandes promocións privadas de vivenda. O do ladrillo, como o lector sabe de sobra, é un negocio intimamente relacionado co político. De feito, o arquitecto Xurxo Allegue describe o Urbanismo como a arte de facer rico alguén cun lapis e un papel. Esta intimidade do poder político e o inmobiliario, co financeiro oficiando de casamenteiro, deu lugar, entre o 92 e o 2006, ao crecemento exponencial dunha xigantesca burbulla inmobiliaria no estado español e, en analoxía, a unha trama de corrupción política que só parcialmente acabou no cárcere. É a España do Crematorio de Chirbes, un novelista que se dedicou a escribir contra o silencio e foi silenciado, como adoita pasar.

Volvemos á Coruña. O PSOE no concello, coa complicidade necesaria do PP na Xunta (tramitación exprés de Percebeiras) e o aplauso na sombra dos grandes promotores, eses que levan desde o final da burbulla agardando pola seguinte, está xustificando de todos os xeitos posibles a necesidade de facilitar a construción de obra nova, a que ofrece unha rendibilidade do 300 por cento fronte ao 30% que, de media, rende a rehabilitación de vivenda.

Impresiona a variedade dos recursos empregados para xustificar o gran negocio, o último deles, o famoso informe de Oficina de Planeamiento SA, segundo o cal na Coruña precisaranse de aquí ao 2033 unhas 12 mil vivendas novas. Esta cifra coincide exactamente, segundo o mesmo informe, co das vivendas baleiras estimadas na nosa cidade a partir dos datos de facturación de Emalcsa, ou coas 11.900 en mal estado que cumpría reparar ou substituír, esta vez si, por vivenda nova, unha operación que ofrece unha rendibilidade moito menor á da promoción de vivenda nova sobre terreo baldío, que é do que se trata.

Outras veces é o medre de Oleiros o argumento empregado para denunciar unha suposta fuga de capitais coruñeses cara a ese concello da nosa área metropolitana. Outras, como non, a necesidade de executar os convenios co porto de 2004 para abrilo á promoción de vivenda privada en base a o mesmo principio seguridade xurídica que Feijóo conculcou nada máis chegar á Xunta no concurso eólico. Todos estes argumentos non teñen como obxectivo abaratar o custe á vivenda aumentado a oferta, senón unicamente facilitar o negocio duns poucos: A Coruña S.A.