O 2020 foi un ano cruel. Demostrou, unha vez máis e por se faltaran probas, a debilidade da economía española, que torna en galernas os vendavais que ciclicamente asolan o mundo globalizado. Vivimos a era das consecuencias do longo período de desindustrialización iniciado polo goberno de Felipe González e culminado polo de Aznar. Unha economía que medra e decae en ciclos espasmódicos, angustiada pola súa forte dependencia do turismo, e que padeceu a maior caída do PIB e a maior suba do paro da OCDE. Un mal cadro que esixe reformas económicas profundas, fóra do radar de Maastricht e de Nadia Calviño. Reformas que non van ter lugar.

Camiñamos cara a un novo ciclo regresivo, de permanente acoso ao que restaba do fraco estado de benestar español, cara a unha sociedade bipolar na que se extreman as diferenzas entre ricos e pobres e se ven ameazados os poucos programas activos de redistribución de rendas, como as pensións ou o SMI. O goberno de coalición, que sobreviviu á praga polo efecto unificador das grandes adversidades externas, non terá tan doado facelo a partir de agora, cando toque discutir a orientación da política económica.

Na Xunta de Galicia van chegar moi pronto á conclusión de que xa non lles queda moito por vender no País. A cancelación do Xacobeo deixa sen guión un goberno que fixo da falta de política económica a súa única política económica, e que agora afronta a sucesión de peches industriais desde a máis absoluta pasividade. Feijoo debería cando menos tratar de non empecer o desenvolvemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como leva facendo ata o de agora por motivos ideolóxicos, que é unha das poucas oportunidades de desenvolvemento que nos restan, logo do novo revés padecido polo noso sector pesqueiro nos acordos finais do Brexit. Un acordo que puxo de novo de manifesto o nulo peso xeopolítico do Estado español no concerto internacional, e que se suma ao desastre da cesión do Sahara a Marrocos por parte da administración Trump.

Na Coruña, o goberno municipal agravou os seus problemas estruturais, de falta de concelleiros competentes, engadíndolle unha máis ben penosa liorta interna cando aínda faltan dous anos e medio do mandato. A paz social por arriba coa dereita económica e mediática da nosa cidade non acaba de compensar o gran cabreo por abaixo de todas as persoas que se senten abandonadas polo Goberno nun contexto de alta esixencia como este. O ano que vén, ademais, A Coruña non contará cuns orzamentos novos, con todos os ingresos posibles e adaptados á fonda crise provocada pola praga na nosa cidade. É a primeira vez que isto acontece por renuncia expresa do Goberno municipal des que temos memoria política local, é dicir, talvez, nos últimos 30 anos. É un erro grave e unha irresponsabilidade manifesta: a nosa cidade non pode ser prisioneira da debilidade política do seu goberno, quen está obrigado a procurar acordos e recuperar un diálogo co resto das forzas do Pleno hoxe abandonado. Estamos a tempo.