Non era doado atopar un punto de equilibrio entre o mantemento da actividade económica e a salvagarda da saúde pública. Menos aínda nun estado como o español, cunha economía dependente da importación de turistas, é dicir, de posibles contaxios, e cunha débeda pública superior ao 100% do PIB ao inicio do 2020, que hoxe rolda xa o 120%.

Con todo, a crise en curso ameaza con colapsar algo máis que as contas xerais do Estado, a sanidade pública e as economías particulares, está tamén en risco a confianza da cidadanía nuns políticos que non parecen obrar desde a lealdade institucional e a visión a longo prazo que o momento esixe, senón que máis ben semellan centrados unicamente na cambadela sistemática ao seu rival e nas portadas dos xornais de mañá. Nada novo, en realidade.

O que pon de manifesto esta crise non é a baixa calidade dos representantes políticos que agora mesmo deben tratar de manter a flote a nave do estado no medio da tormenta, senón a propia fortaleza da nave do estado por mor de decisións tomadas nos últimos corenta anos. Así, a nevarada madrileña amosa algo máis que o cinismo brutal e desvergonzado da súa actual clase dirixente, amosa tamén a incapacidade mesma do estado para atender as necesidades básicas da sociedade que o sostén cos seus impostos e lexitima cos seus actos.

A actual crise do estado español vai moito máis alá das tensións horizontais entre os seus territorios, como diagnostican os que cada día reclaman unha recentralización da toma de decisións, atinxe os seus órganos neurálxicos e pon de manifesto a insuficiencia dos seus recursos. Logo de corenta anos de desmantelamento sistemático da nave do estado por parte dos seus gobernantes, quer neoliberais, quer social-liberais, que se aquendaron no poder de 1981 a esta parte, o estado español afronta a crise cuns servizos públicos infradotados dos recursos materiais e humanos precisos, sen capacidade financeira para responder ás esixencias do momento e sostido exclusivamente grazas respaldo do BCE á súa débeda pública, é dicir, da Merkel.

En efecto, temos un problema co modelo de estado, mais o problema non é a descentralización territorial precisamente, nin a baixa calidade dunha clase política, da que, por certo, forma parte quen isto lles escribe. A actual clase política española é igual de curtopracista e perralleira que a do resto dos países da OCDE, e tamén que a que a precedeu no cargo nos últimos 40 anos.

O problema é que os estados, como os barcos, hai que pagalos, custan cartos, esixen un constante investimento en obras de reparación, mantemento e modernización. Agora chegamos ao período das consecuencias do longo soño neoliberal no que os recursos do estado medraban por arte de maxia, a pesar das continuas rebaixas fiscais. E non era certo. O balbordo da pelexa á que asistimos cada día malamente dá agochado a evidencia do forte consenso de fondo entre o PP e o PSOE sobre un modelo de estado e de economía que hoxe vemos naufragar.