“Este es el día en que nosotras nos introducimos en todas partes y nos levantamos con el mundo”.

El Criticón.

Agradezo a LA OPINIÓN a oportunidade de participar no debate público que se está a desenvolver arredor do futuro uso institucional do Pazo de Meirás. Este debate é importante, non tanto polos aspectos ou interpretacións eruditas que del poidan xurdir a respecto da vida e obra de Emilia Pardo Bazán, senón polo que fica en xogo a nivel institucional. Isto é: a oportunidade histórica que se lle presenta á dereita galega para seguir a desenvolver o seu proxecto de país utilizando o feminismo como novo soporte. Hai tempo que este proxecto se vén fraguando no ámbito cultural: lembramos aínda con bochorno aquel 8 de marzo de 2013 no que a Xunta convidou como estandarte da igualdade á escritora lucense Marta Rivera de la Cruz, que aproveitou o púlpito que se lle concedeu na Casa da Matanza para tentar convencernos de que Rosalía de Castro se tería erguido canda ela na defensa das escritoras ignoradas por un nacionalismo galego, etnicista, identitario e patriarcal. Non coou. Hoxe, de novo, a posibilidade de volver tentar o mesmo preséntaselles ás nosas institucións da man dunha escritora cun legado inmensamente máis complexo e prestixioso. Un carameliño, como se adoita dicir. E é obvio que o carameliño xa está a desprender o seu gosto azucrado nos padais das e dos que albiscan para si, e para as institucións culturais que representan, un meirande papel na historia (referímonos aos papeis históricos que inclúen dietas e gastos de transporte).

Se concordamos con que na actual polémica sobre os usos do Pazo de Meirás está en xogo a ampliación do abano discursivo a través do cal se seguirá a consolidar entre nós unha institucionalidade cultural clasista e rexionalizada, fariamos mal en limitar o debate á cuestión de se Emilia Pardo Bazán foi ou non feminista. Sospeito que a porfía coa que as voces participantes tentan acoutar o debate a esta cuestión dá a medida dos importantes intereses en xogo. Como sabemos polo sociólogo Pierre Bourdieu, os intereses que rexen un campo cultural deben sempre ficar ocultos, para que os que del extraen beneficios poidan seguir a facelo namentres promoven a ilusión da obxectividade histórica e da vocación intelectual desprendida. Nós podemos tamén xogar brevemente a este xogo de cartas, malia a que non estabamos presentes cando se mandou cortar a baralla.

Que Emilia Pardo Bazán houbo de facer valer principios e prácticas feministas para construír o seu proxecto como intelectual fica fóra de toda dúbida. Foi unha muller cunha férrea vontade de participar na emerxente esfera pública galega e na española, nun tempo no que isto non lles era dado ás mulleres. O seu xeito de desenvolver un proxecto intelectual de amplísima envergadura implicaba, en efecto, reclamar o principio de igualdade entre os sexos. Ela practicou isto emulando o ideal masculino para poder penetrar a esfera intelectual totalmente homosocial e machista do seu tempo. Pardo Bazán houbo de demostrar durante toda a vida que podía acomodarse (e mesmo relucir) seguindo as regras do xogo patriarcal. Por isto practicou xéneros altamente masculinizados como o ensaio, a novela realista ou a biografía histórica (a súa primeira publicación en 1882, unha biografía de San Francisco de Asís, pode lerse como toda unha declaración de intencións neste sentido). Por isto procuraba incesantemente vías de consagración tentando penetrar os círculos de prestixio e recoñecemento intelectuais masculinos. A súa correspondencia con Menéndez Pelayo, na que daba conta detallada dos seus proxectos, lecturas e publicacións ao ilustre (e estuporado) filólogo santanderino, denota unha clara estratexia de construción autorial, cuxos froitos Pardo Bazán non chegou a gozar enteiramente en vida, pois os desprezos por parte da institucionalidade intelectual patriarcal foron constantes.

Pídesenos que por delicadeza historiográfica situemos o feminismo pardobazaniano no seu contexto histórico e podemos xogar a isto tamén. A época na que Pardo Bazán escribiu non foi outra que a do Rexurdimento e a da consolidación dun nacionalismo galego político. Nas derradeiras décadas do século XIX e aínda das primeiras do XX, competían varias hipóteses a respecto de se era posíbel unha cultura galega expresada na lingua do país e orientada cara a unha comunidade lectora autóctona. Pardo Bazán consideraba esta posibilidade unha aberración, unha contradición en termos e mesmo unha teoría da novela, que poría en práctica n’O cisne de Vilamorta (1885). En simultáneo, dedicou non poucos esforzos a desprestixiar a aqueles intelectuais do seu tempo que si crían na posibilidade dunha cultura galega crítica co poder español, fachendosa de si e autónoma. Calquera que lea o texto da conferencia de “homenaxe” que Pardo Bazán lle dedicou a Rosalía de Castro n’A Coruña o 2 de setembro de 1885, ao mes e medio de morrer a poeta de cancro uterino, verá claramente que o nacionalismo español e a ambición persoal eran nela sentimentos ben mais potentes do que a sororidade feminista.

A pregunta non é, por tanto, se Emilia Pardo Bazán e a súa obra poden ser consideradas feministas. Sono, abofé, no sentido burgués e individualista. A pregunta é, máis ben, por que o feminismo de Pardo Bazán lle é tan necesario ao goberno da Xunta neste momento histórico e que axentes do conglomerado institucional-cultural galego están xa a achaiar o terreo, para que a dereita herdeira do franquismo poida vampirizar o movemento con maior capacidade emancipadora do século en proveito dos seus intereses antisociais. Haberá recompensas para quen se preste a esta empresa, xaora. Mais tamén, desde o feminismo popular, antifascista e anticolonial galego, unha crítica sen panos quentes.