Pouco se fala nos medios da venda de certas empresas públicas, como é o caso de Endesa, que estes días pecha a súa planta nas Pontes. Isto acontece, en xeral, con todas as desfeitas perpetradas a medias polo PSOE e o PP, que están fóra do debate público, nese espazo reservado ás materias irrelevantes por consensuadas. Un consenso que, a dicir verdade, ás veces máis ben semella complicidade e encubrimento mutuo.

O certo é que no Estado español certas cousas aconteceron ao revés nos 80. Mentres en Inglaterra, Margaret Thatcher pechaba ou vendía a meirande parte das empresas públicas postas en marcha polo laborismo na Posguerra, en España foi o PSOE o encargado de iniciar a venda do conglomerado de empresas públicas e monopolios estatais montado polo Franquismo. Este paradoxo explica moitos silencios e moitas ausencias nos debates políticos no Estado español e, probablemente, tamén a pobreza do propio debate. Porque, se a esquerda e a dereita oficiais comparten, ademais do modelo territorial e a permanencia da Coroa, o modelo económico, que lles queda para discutir? Pois o estraperlo coas vacinas e as falcatruadas de Ayuso.

Endesa —a chamada “xoia da coroa” xunto con Telefónica das industrias públicas españolas— foi posta en marcha en 1944, durante a fase autárquica do franquismo, para explotar o carbón de baixa calidade e os saltos de auga galegos, os poucos recursos enerxéticos dispoñibles ante a imposibilidade de acceder a outros combustibles, como o petróleo. Sobre a base dos seus réditos anuais, o Estado financiou a construción das principais infraestruturas do sector enerxético español, moi intensivo en capitais aínda que non tanto en man de obra.

O ano da súa venda a unha empresa pública italiana, Enel, no 2014, Endesa xerou os maiores dividendos anuais da historia das cotizadas españolas, 14.600 millóns de euros. Para que se fagan unha idea da magnitude da cifra, o orzamento anual da Xunta rolda os 11 mil millóns. O proceso de venda, iniciado por Felipe González no 88, foi culminado por Aznar no 96, quen, ademais, no 98, decretou a desregulación do mercado eléctrico, un desatino que está detrás da inviabilidade das nosas industrias e do atraco ás familias deste Nadal. O sevillano, pola súa parte, cobra 100 mil euros anuais por sentar no consello de administración de Endesa. Non está mal para un xerro chinés.

Para nós, para os galegos, Endesa representa o exemplo por antonomasia de apropiación colonial, pois vimos como os nosos recursos naturais, como o carbón e os ríos, que eran explotados desde a Metrópole mediante un monopolio estatal, non deixaban aquí máis que as migallas de varios centos de postos de traballo, que hoxe extingue Enel sen tentativa de continuidade, e unha tremenda pegada ecolóxica.

Os cartos do carbón das Pontes marcharon primeiro para Madrid e logo para Italia. A nós quedounos en herdanza unha cheminea no libro Guinness e a inmensa lagoa que asolaga o buraco da mina a ceo aberto, metáfora perfecta do intercambio de ouro por espellos e abalorios.