Se tivera que resumir as eleccións catalás en dous datos, diría: primeira vez que o independentismo gaña en votos, e primeira vez que unha forza de extrema dereita supera ao PP nun parlamento autonómico. Sospeito que Pasqual Maragall non celebraría ningún destes feitos, a verdade, co mesmo entusiasmo que puidemos advertir o domingo en Illa e Iceta.

Os partidos estatais comparecen en Cataluña co mesmo xesto témero e desconfiado co que os protagonistas de Stalker, o filme de Tarkovsky, se adentraban na Zona: parece como se estiveran seguros de que algo terrible lles puidera pasar ao volver á casa. Este é o caso de Casado, quen xa non parece conservar máis fieis que Maroto e Teodoro, vaia dous pés para un banco, e de Ciudadanos, que demostra unha vez máis que o centro español segue a padecer a maldición de Adolfo Suárez, agora que por certo nos achegamos ao trixésimo cabodano do 23 de febreiro.

Oitenta anos despois, o partido de Companys e Tarradellas regresa á Praza de San Jaume. A potencia simbólica deste feito non pode ser esaxerada. ERC navegou as tremendas contradicións que van das 30 moedas de prata ao apoio ao Goberno de Sánchez grazas á indiscutible lexitimidade que lle outorgan os seus presos, con Junqueras á fronte. A parte do discurso en inglés de Pere Aragonés é unha apelación directa á comunidade internacional: Cataluña esixirá de novo unha vía escocesa á autodeterminación, e os paus do 1-O resultan agora inconcibibles.

A política nudista, sen concesións nin trasacordos da CUP, coa súa absoluta identificación entre o estratéxico e o táctico, obtivo tamén uns excelentes resultados grazas á mobilización case que completa do seu electorado. Na fase que agora comeza veremos pugnar os argumentos da pureza fronte aos da astucia no interior dun bloque, o independentista, no que Junts segue a conservar practicamente intacta a súa hexemonía en dúas das catro provincias catalás.

Os Comúns acadaron a práctica totalidade dos seus apoios na coroa metropolitana de Barcelona e na propia capital, un feito que, porén, semella estar ausente na súa versión oficial duns feitos que interpretan máis como unha mostra indiscutible de adhesión ao goberno coaligado de Madrid, que como unha proba da súa implantación territorial ou do liderado de Ada Colau.

O partido de dereita populista extrema, tal e como definen a Vox nos medios madrileños que se reclaman progresistas, irrompe na escena política catalá para inaugurar o que pode acabar sendo pasado mañá unha liña orangista de unionismo duro e con gran implantación, como sabemos, entre as forzas de seguridade do estado.

Non creo que Pedro Sánchez agardase uns resultados mellores ca estes que lle van ser, en todo caso, de xestión complicada. Dunha vez que a xurisprudencia europea se manifestou con contundencia encol dos feitos do 1-O, non cabe xa o recurso á forza para frear de novo unha consulta sobre a independencia en Cataluña. Menos aínda logo do exemplo escocés. Logo do empate catastrófico debe chegar xa bifurcación democrática, como nos explicou García Linera.