Vimos escribindo dende LA OPINIÓN as propostas dos grupos de poder económico e partidos políticos da cidade. A construción do porto exterior foi un desatino total. Dun prosuposto inicial de 370 millóns de euros pódese chegar a preto de 1.200 millóns. Iso sen ferrocarril, que cun orzamento de 140 millóns non se sabe como financiar. E sen que ninguén esixa unha auditoría externa de tamaño desfase.

O Concello remata de facer público o informe elaborado pola UDC, que non deixa de ser un refrito dos convenios do 2004 de Francisco Vázquez e do protocolo de 2018 de Alberto Núñez Feijóo, xa que di “modificar el convenio del 2004”, recollendo mesmo algunhas propostas do proceso Tecendo Litoral do anterior Goberno local.

Resaltabamos en LA OPINIÓN (10/12/2020) as eivas do proxecto: manter a centralidade absorvente da zona centro como fetiche da modernidade capitalista dos negocios; esquecer os peiraos intermedios da pesca, de importancia vital para a cidade; manter a xeralidade e indefinición en Oza, sen prazos, con edificabilidade (iso si, menor), inconcrecións no parque de San Diego, etc. Todo recollendo a posibilidade de desafectación de espazos. Sinala o Goberno municipal que é un documento de partida, pero está dando pé a propostas contraditorias e confusas: dá medo a que pase polas mans dos políticos e técnicos de quenda.

E a cuestión é: quen vai pagar a débeda do Porto co Estado. O Goberno, nun pacto con Compromís, vai condoar a débeda do Porto de Valencia, preto de 400 millóns, gastados nunha competición de vela. Aquí Concello, Xunta, Autoridade Portuaria e Estado din que non é posibel, cun subterfuxio legal. Logo, quen paga? Xorde o terreo embarrado: posibilidade de venda dalgún terreo portuario di a UDC? Vender segundo o convenio do 2018 quere a Xunta?

O Goberno municipal di que paguen os cidadáns ou o contrario, mediante acordo coa Xunta, Estado e Diputación, proposta similar ao convenio do 2018 do PP!. Esquece interesadamente as súas votacións nos plenos do Concello, coas mocións presentadas a proposta de Defensa do Común, aprobando a condonación da debeda do Porto, financiamento polo Estado do ferrocarril e unha participación directa e democrática da cidadanía. Memoria fráxil? Podemos confiar nun Goberno municipal que continuamente cambia as propostas, despreza os acordos dos plenos aprobados cos seus votos? Estes esquecementos e falla de seriedade política si deterioran a “imaxe da cidade”.

Todo co mesmo trasfondo: sacar do dominio público os terreos portuarios, desafectalos e privatizalos. E non sería máis fácil porse de acordo, facer un “ente consorcial” ou similar, esixir a condonación da débeda, manter o dominio público e abrir un debate e consulta pública sobre o uso dos mesmos tal como propón Defensa do Común?

O futuro da fachada marítima ten que ser un proxecto entre as administracións públicas. Os espazos públicos expresan o grao de conciencia democrática e cívica da comunidade. Por iso é fundamental a participación aberta e directa da ciudadanía. Esperemos que as diversas administración poidan recoller estes consellos, non exerzan a política do alehop!. Isto, aínda que ás veces o pareza, non é un circo.

Emilio Vega é secretario de Defensa do Común e Margarita Santiago foi presidenta da Asociación de Veciños da Gaiteira-Os Castros