Talvez o cadro máis fermoso por enigmático que adorna os corredores de María Pita sexa o que representa ao alcalde Domingos Merino ante un taboleiro de xadrez, no que un humilde peón branco se ve asediado por catro poderosas pezas negras: dama, cabalo, alfil e rei. Non resulta difícil interpretar a alegoría visual que nos propón o cadro: a da soidade dun alcalde enfrontado a forzas moi superiores ás súas. O resto das pezas brancas, todas elas peóns, aparecen aliñadas na derradeira fila, a oitava, nunha posición imposible, alleos a calquera auxilio do solitario peón avanzado na terceira. Segunda mensaxe da alegoría: o abandono dos seus.

Se tiveramos que definir en termos xadrecísticos a posición que hoxe ocupa no taboleiro o Goberno municipal, falaríamos de enroque. Conta con poucas pezas o equipo de Inés Rey, nove —malia perder unha peza propia e incorporar unha de fóra— algunhas delas valiosas, talvez unha dama, unha torre e un alfil, o resto non semellan máis ca peóns. Son poucas pezas, a verdade, para gobernar unha cidade tan complexa e esixente como A Coruña, aínda a pesar de contar con fortes aliados fóra do taboleiro. Transcorridos vinte meses, a fase de apertura do xogo, o goberno, que sempre xoga con brancas, aparece definitivamente enrocado e sen máis estratexia que a de resistir deica maio de 2023. Mal asunto.

Porque, se ben é certo que a pandemia axudou durante moito tempo a agochar as carencias do Goberno municipal en áreas como a da xestión cultural, con catro responsables en vinte meses, a promoción turística ou a política de deportes e xuventude, agora constátase tamén que a xestión diaria de asuntos tan relevantes, por urxentes, como as subvencións ás pequenas empresas afectadas pola pandemia, ou as axudas sociais presentan tamén graves déficits de xestión e tramitación.

Pero son outros os síntomas, e máis graves aínda, dun goberno feble e á defensiva. A negativa a negociar e aprobar un novo orzamento para o 2021, por exemplo, adaptado á situación derivada do impacto da crise na nosa cidade, deixa fóra de circulación máis de vinte millóns de euros esenciais para reactivar a actividade económica nestes momentos críticos. O atraso na tramitación do anexo de convenios ou a falta dun novo Presco, son outros prezos que pagamos todos os coruñeses pola pasividade dun goberno enrocado e á defensiva.

Aínda así, o máis preocupante deste goberno é a procura desesperada e insensata de logros inmediatos e a vulneración dos dereitos fundamentais da oposición. Na primeira categoría entra a “cumbre histórica” sobre o futuro do noso porto, na que un tal Toledo nos informou de que imos ter que rehipotecar a nosa casa para poder seguir vivindo nela. Para rematar, no último Pleno impediuse que os representantes da cidadanía puidéramos exercer o noso dereito constitucional a presentar emendas aos asuntos a debate, un feito gravísimo, unha trampa, que pon de manifesto, ademais da debilidade, a falta de escrúpulos dun goberno enrocado e sen máis proxecto que a supervivencia.