Achegar a cidade á cidadanía en clave de progreso. Ese é o meu obxectivo como alcaldesa. E, con toda a humildade e sen negar as dificultades, coido que estamos no bo camiño. Existen múltiples indicios que así o apuntan, perfectamente visibles para todos e todas. Porque neste goberno pensamos A Coruña de forma global, para quen nos votou e para quen non. En clave maioritaria pero nunca sectaria. Por iso a cidade está recuperando a ilusión e as amplas miras, as causas comúns.
A loita contra a pandemia atopou unha resposta unitaria no Pazo de María Pita, que conseguiu que o Presco fose un plan de recuperación pioneiro, que se adiantou aos doutras administracións con moitas máis competencias e posibilidades e se converteu en referencia para diversos concellos de toda España. Máis de 14 millóns de euros chegaron á hostelaría, ao pequeno comercio, aos sectores culturais, ás axudas sociais. E imos incorporar novas liñas axiña. No momento máis complicado, o Concello da Coruña, especialmente o seu persoal, estivo aí, cooperando. Como a cidadanía.
Pero A Coruña ten mirada longa. É a nosa forma de ser. Sempre acreditamos que o xusto non é o contrario do ambicioso. Así nos convertimos no seu día no motor de Galicia e así volve pensar o goberno local. A reactivación da cidade tomou novos rumbos pola pandemia, pero xa estaba en marcha antes dela. Desde a proximidade, os barrios están a ser atendidos, con numerosas actuacións que deseñan ademais unha urbe do século XXI, na que se prioriza o paseo e as melloras das infraestruturas, con novos corredores, novas prazas, novas instalacións. Estamos gañando espazos para a veciñanza, peonalizando rúas que así o permiten, poñendo de novo en valor lugares senlleiros como A Rosaleda ou protexendo áreas naturais como o litoral das Xubias. Ao mesmo tempo, por fin chegan as necesarias reformas en mercados municipais ou instalacións deportivas. Impulsamos unha programación cultural de primeiro nivel e coidamos os servizos sociais e a mirada feminista. A maquinaria municipal volve actuar. E sen perder de vista os proxectos pendentes de magnitude.
Ninguén pode poñer en dúbida que é este goberno o que está volvendo a impulsar con feitos as grandes actuacións de cidade. Mediante o diálogo e lealdade institucional. Aí están a Cidade das TIC, o dragado da ría do Burgo, o desbloqueo da Intermodal (ou do Centro de Saúde de Santa Lucía), o novo CHUAC ou a recuperación da fachada litoral. Avanzouse moito nestes temas en menos de dous anos, con este executivo á fronte. E queda que facer. Respecto aos terreos do porto, conseguimos reunir a todas as administracións 17 anos despois e así se acadou un acordo para redactar uns novos convenios que substitúan aos de 2004, totalmente desfasados. Tamén se obtiveron avances respecto a débeda da Autoridade Portuaria, pero obviamente queremos máis. Especialmente o tren a Langosteira. Así o demanda a cidade e eu con ela, porque as miñas cores son as da Coruña.
Queda camiño. Pero estamos na boa senda. Seguiremos traballando con seriedade, con diálogo. Lonxe do ruído improdutivo. A aposta pola crispación non foi respaldada polos coruñeses e coruñesas en 2015 nin en 2019. Non volveremos atrás. A base de traballo e realidades constatables, este goberno reactivou tamén a sintonía coa cidade. Nese camiño seguirei.