“La riqueza hidráulica proporcionará un rápido crecimiento industrial a la región”. Con estas palabras resumía en presenza de Franco o daquela ministro de Economía, Laureano López Rodó, o día da inauguración do Embalse de Belesar, un 4 de xaneiro de 1963, o impacto que había ter na nosa economía a existencia dunha fonte de provisión de enerxía eléctrica a baixo custe. Case sesenta anos máis tarde, o febreiro pasado, os 28 traballadores do centro de operacións de Naturgy, a antiga Fenosa, concéntranse na Grela para esixir o mantemento na nosa cidade dos seus postos de traballo, que a empresa pretende trasladar a Madrid. Velaí resumido en dúas escenas o famoso cartel propagandístico do Estatuto de Castelao: nós alimentamos unha vaca que outros moxen.

Atopámonos pois ante un caso típico de colonización interna, como os analizados por Beiras no seu Atraso. Observamos como os inmensos réditos xerados polos saltos de auga galegos construídos durante a Ditadura por Unión Fenosa, o conglomerado enerxético propiedade Pedro Barrié de la Maza, pasan mans alleas. Tanto nos ten se catalás ou australianas, como pode acabar sucedendo se se consuma a OPA lanzada por IFM sobre Naturgy. Ante este feito, a ministra Maroto anunciou xa que se ía inhibir por conflito de intereses, ao traballar o seu marido na eléctrica Naturgy. Toda unha coincidencia. En todo caso, se hai algo que a ministra valisoletana xa demostrou que sabe facer de marabilla é inhibirse, como comprobamos na venda da antiga Alcoa aos piratas de Alu Ibérica. Son cousas do Mercado.

Naquela fría mañá de inverno chantadino acompañaba a comitiva franquista un forte dispositivo de seguridade. Aínda campaba polos socalcos desa parte da Ribeira Sacra o espectro da lexitimidade republicana en persoa, Xosé Castro Veiga, O Piloto, asasinado un 10 de marzo de 1965 en Belesar, hai hoxe exactamente 55 anos. Tempo abondo para certificar que a enerxía dos nosos ríos non serviu para impulsar o noso sector industrial. Tempo abondo para demostrar tamén a falacia dun “capital nacional galego”, xa que tras os avatares da crise de 2008, o Banco Pastor pasou primeiro a mans do Popular e logo do Santander. Moi ao contrario, o que vemos é como os beneficios para o noso país daqueles saltos de auga construídos con enorme violencia, silencio e expropiacións forzosas, son hoxe máis cativos aínda que durante a Ditadura.

Cando van rematar as concesións franquistas dos encoros galegos? Que vai suceder ao día seguinte con eles? Estes son algúns dos grandes debates ausentes da nosa actualidade política, e non por casualidade. O caso do marido da Ministra en Naturgy debería servirnos de sinal de alerta. Os nosos virreis na Xunta e os seus patróns no Estado e nas enerxéticas andarán xa argallando un xeito de entregarlle a mans privadas o que é un patrimonio nacional galego. Para evitar un novo espolio que, como acabamos de ver na Coruña, non deixará aquí xa nin as migallas, cómpre poñer e andar canto antes unha empresa pública galega de enerxía.