Hai escasamente oito anos, ao entrar na Coruña desde a Vedra, o primeiro que un podía ver antes de baixar polos Cantóns eran os grandes rótulos do poder financeiro coruñés, quer público, como a Caixa Galicia, quer privado, como o Banco Pastor. Hoxe, eses rótulos xa non existen ou cambiaron de nome. As décadas de aforros dos emigrantes galegos en Centroeuropa, remesas clave na reconstrución da economía do estado a partir dos 50, foron enterrados nas areas de Levante durante a gran burbulla inmobiliaria española do 2008. Mágoa que non exista un termo para designar a destrución completa dos aforros dun pobo.

Un ano máis tarde, Feijóo gañaba as eleccións e catro anos despois celebraba, como se dunha vitoria se tratase, a venda de NCG Banco, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, a Banesco por 1000 millóns de euros, o que daría lugar a Abanca. Unha verdadeira ganga e unha vergoña só comparable ao silencio submiso dese oxímoro chamado burguesía galega, que non se laiou máis que polo baixo e a título individual. Inaugurábanse as rebaixas de Feijóo, e todo un país, o noso, pasaba a estar en venda.

Esas rebaixas tiveron continuidade o pasado 10 de marzo en Madrid. Alí, mentres o PSOE e o PP empezaban a súa lamentable guerra parlamentaria, disparándose mutuamente deputados de Ciudadanos en Murcia, Madrid e Castela León, o presidente galego e o ministro valenciano de Transportes, Ábalos, anunciaban con gran solemnidade a venda do porto coruñés por 150 millóns de euros, que é o que se estima que custa o tren a punta Langosteira.

Unha cantidade ridícula se a comparamos co valor real dos terreos do porto interior. Un insulto á intelixencia dos coruñeses se temos en conta que, nos orzamentos deste mesmo ano, Sánchez facía desaparecer os 350 millóns de euros de débeda contraída polo porto valenciano para a celebración Copa América, non para afastar o tránsito de petroleiros do centro da súa cidade. Aínda así, a alcaldesa da Coruña, que segue sen clarificar aínda hoxe cal é a súa postura respecto do futuro dos peiraos, apurouse a dicir que o éxito de Feijoo era tamén en parte tamén seu. Pero exactamente, de que éxito estamos a falar?

Sigamos a pista do diñeiro, como recomendaba Pepe Escobar. O que se pactou no convenio de 2004, ese gran pelotazo urbanístico póstumo de Paco Vázquez, é que as obras do porto exterior habían financiarse cos terreos desafectados do porto interior. E por que esta fórmula tan lesiva de financiamento? Porque, en realidade, a execución desa débeda era a única garantía de que se poderían liberar no futuro, e sen custe político, os terreos do porto para construír 4 mil vivendas. É dicir: sen débeda non hai negocio.

Os valencianos tiveron a sorte de contar cuns representantes públicos dispostos a defenderen os seus intereses e o seu patrimonio ata as últimas consecuencias. Os nosos están dispostos a vendelo todo, e sempre á metade de prezo, aos seus secretos patrocinadores.