En setembro de 2009, apenas seis meses despois de que Feijóo gañara as eleccións, o daquela presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, reprendíao nun acto público en Ourense pola súa hostilidade manifesta ao galego. “Debe ser que, cos anos, un vaise facendo un pouco imprudente”, retrucáralle Barreiro aos xornalistas sorprendidos ante a contundencia da súa amoestación.

A verdade é que, se a relación da Xunta co resto das institucións do país sempre foi conflitiva, agás en caso de submisión absoluta ou de clientela, a principal diferenza entre o novo executivo de Feijóo e a longa xeira precedente de Fraga no poder foi precisamente a exacerbación desta norma. A tecnocracia monocroma do yuppie dos Peares amosábase moito máis agresiva coa diferenza que o cacicato paternalista do estadista vilalbés. Isto incluía, por suposto, ao propio partido, disciplinado con total eficacia excepto na taifa baltarista, que conservou deica hoxe certa autonomía e xestualidade rexionalista. Non foi casual que o choque entre a lexitimidade histórica da Academia e os novos señores da Xunta se producise precisamente nesa provincia.

Poucas institucións rexistraron con maior fidelidade os movementos sísmicos da nosa historia que a propia Academia, asentada ela mesma sobre unha verdadeira falla xeolóxica nacional: a casa de Emilia Pardo Bazán, inimiga acérrima dos reunidos no número 38 do Rego de Auga, na Cova Céltica. Douscentos metros que separaban dúas concepcións opostas e aínda vixentes do noso país. E, sen dúbida, forma parte dos méritos indiscutibles do profesor Barreiro o saber presidir, con idéntica eficacia, o rumbo da institución fundada por Murguía e a Casa-Museo de Dona Emilia. Talvez el deu descuberto unha sorte de canle secreta que conectaba os dous mundos invisible para o resto.

E desde a súa enorme talla intelectual, desde a conciencia de estar a representar a corporación fundada por Murguía, que é tanto como dicir un dos sinónimos da Nación, dirixiuse o profesor Barreiro ao novo inquilino en Monte Pío. Fíxoo coa calma e a voz solemne e cálida que lle eran propias, impartindo toda unha lección de dignidade e afouteza que, seguramente, nunca lle foron abondo recoñecidos. Somos un país de superviventes.

Uns meses máis tarde daquel serán de outono en Ourense sería aprobado un Decreto de Plurilingüísmo que o Consello de Europa vén de considerar no 2019 prexudicial para o galego. Un feito que sen dúbida constitúe unha das credenciais de Feijóo na súa sempre malfadada carreira cara ás Cortes. O xesto de Barreiro, a súa imprudencia, marcou, ademais, un punto de inflexión, unha ruptura, respecto dos moitos anos de silencio submiso e cooptación clamorosa que definiran a longa xeira da RAG en mans da gobernación civil. O seu xesto forma parte do repertorio de dignidades dunha institución case sempre incomprendida, encargada de defender o idioma dun país no que algúns sitúan as súas lealdades lingüísticas alén Miño, e outros moitos ao leste do Padornelo. A imprudencia dun sabio que máis ben foi a valentía de quen gardou as últimas portas antes da chegada do inverno.