Que a ditadura franquista sexa responsable das últimas políticas de vivenda pública dignas dese nome no estado español é unha desas verdades incómodas que non debemos deixar de analizar. “Nin rir, nin chorar, comprender”, recomendaba o vello Spinoza, e abofé que non resulta doado comprender a desaparición da vivenda pública no estado español nos últimos corenta anos. A vivenda, ese concepto difuso que, segundo o inefable Ábalos, constitúe ao mesmo tempo un dereito e un ben de mercado. Un misterio á altura da disquisición patrística entre a natureza divina e humana de Cristo. O caso é que, se na lingua popular existe a frase Casas de Franco, e non Casas de Felipe ou de Aznar, que foi o que pasou coa vivenda pública no período democrático?

Como sempre acontece coas vergoñas compartidas a medias polo PSOE e o PP, a bibliografía tende a ser máis ben escasa ou académica. Outro tanto pode dicirse da privatización do sector industrial público, da protección á Monarquía ou do rescate bancario. Fóra do consenso bipartidista, silencio. Ou ruído e confusión para despistar os curiosos. En todo caso, os feitos son teimudos e, na Coruña, os exemplos do Barrio das Flores ou do Grupo de vivendas María Pita, en Labañou, abondan para ilustrar a tese coa que defendemos neste artigo: a comparación entre a magnitude dos proxectos de vivenda pública antes e despois do 75 resulta vergoñenta.

Son moitos os factores que poderían explicar este feito pero, a falta de estudios específicos sobre a materia coñecidos por quen isto escribe, só nos atrevemos a formular hipóteses. Unha delas é que o sector da construción acaparou todo o investimento que antes debía compartir coa industria. A renuncia a modernizar o sector público industrial, en parte obsoleto e pouco competitivo, certo, pero sobre todo, condenado a desaparecer polos compromisos adquiridos para a entrada na CEE, supuxo que o capital sobrante se investise no sector inmobiliario, o que lle aseguraba ademais aos bancos maiores beneficios a curto prazo. Esta renuncia a contar cunha industria propia está no cerne da burbulla inmobiliaria que acabaría por estoupar no 2008. E do altísimo desemprego estrutural que padecemos hoxe. Como corolario ao crecemento exponencial do sector financeiro e inmobiliario, produciuse a vergoñenta cooptación do estamento político, quer pola vía legal, Lei do Solo de Aznar do 98; quer pola penal, caso Gürtel.

E así chegamos por fin aos terreos do porto interior da Coruña. O concello ten delegadas competencias en materia de vivenda e nada lle impide promover vivenda pública a un prezo razoable nos peiraos, ou mesmo, mediante fórmulas de protección, impedir que a privada supere, por caso, os 1000 euros metro cadrado. Pero esa, desde logo, non é a solución que procuran aqueles que gañaron as eleccións no 19 e agora agardan a que os maîtres do bipartito inmobiliario lles sirvan, por fin, a parte que lles toca do patrimonio dos coruñeses. Estes esixen grandes rendementos e sen dúbida han telos, se A Coruña non defende o que é seu.