Cando se cumpre un mes do seu pasamento, volvemos os ollos á figura excepcional do profesor Barreiro Fernández. Somos moitas xeracións de galegos e galegas que nos familiarizamos coa historia de noso lendo as súas monografías sobre o carlismo, o levantamento de 1846, a imprenta, a prensa e a historia contemporánea. Autor dunhas quiñentas pezas bibliográficas (1964-2021), sumando libros e capítulos de libros, artigos, edición de textos e prólogos, e director dun feixe de memorias de licenciatura e teses de doutoramento, Barreiro foi por riba de todo un profesor rigoroso que comunicou xenerosamente o seu saber tamén a través dun galego oral profundo e emocionante, convertido no orador máis relevante das últimas décadas.
Aínda que inserido no tecido institucional do país, desde o Consello da Cultura Galega á Academia Galega e o mundo universitario, tamén colaborou coas instancias máis humildes do país. El ensarillaba os nomes: María Pita, o P. Feijóo, Sarmiento, Fandiño, Pastor Díaz, Pintos, Solís, Concepción Arenal, Soto Freire, López Ferreiro, Rosalía, Martínez Salazar, Fernández Latorre, Curros, Pardo Bazán, Lugrís Freire, Valle-Inclán, Brañas, Cotarelo, Villar Ponte, Risco, Otero, Fernández Mato, Bouza, Maruja Mallo, Fraguas, Filgueira, Xaquín Lorenzo, García-Sabell, Luís Seoane, Del Riego, Álvarez Blázquez, Borobó, Garcés, Meijide Pardo, Henrique Alvarellos, Arenas ou Beiras. E nun lugar sobranceiro, Murguía, de quen editou con Axeitos o seu epistolario e a quen consagrou unha monumental biografía.
Nos seus traballos, que teñen a Galiza como elo de unión, o dereito canónico, a parroquia, a ilustración, a biografía, América, as cidades de Compostela e A Coruña, a historiografía, a conciencia histórica, a prensa e a imprenta, a historia da USC ou o galeguismo. Ao século XIX someteuno a unha análise moi profunda: federalismo, rexionalismo, carlismo, emigración, os pazos, as bibliotecas e arquivos, galeguismo, igrexa, represión, absolutismo, liberalismo, afrancesados, burguesía, obreirismo, guerra de independencia, caciquismo, exército, administración, celtismo ou problemática foral.
Coa súa esposa, a profesora Beatriz López Morán, publicou diversas obras desde Parlamentarios de Galicia (2001) a Los maragatos en A Coruña (2018) pasando por La Asociación General Patronal de A Coruña (2013) ou Maruja Mallo (2016). Proba do seu saber e angueira enciclopédicos, léanse os seus cinco volumes dedicados á historia galega no Proxecto da editorial Hércules.
Tivemos a oportunidade de estar na súa biblioteca, grandiosa e ordenada, de sermos vítimas da súa impagábel xenerosidade, de escoitalo engaiolar múltiples auditorios, de compartir con el algunhas publicacións. Co profesor Barreiro, desaparece unha figura única pero queda unha obra canónica espallada en todas as bibliotecas e un ser humano que prestou ao país moi altos servizos que han ser recoñecidos e lembrados como se merece.