O sistema literario galego é tamén un sistema de afectos. Eu fun educado así por Manuel María, por Antón Avilés, por Uxío Novoneyra, por Xabier Docampo. A querer e respectar mesmo antes de os coñecer aqueles e aquelas que regan con libros a nosa existencia.

O sistema está constituído por unha gran familia que se espalla polo territorio e que o cohesiona. Non hai concello ou bisbarra que non fose retratado pola alma dun poeta. E a familia está constituída, como nos ensinou Luz Pozo Garza, por un milladoiro de textos desde a cantiga de Meendinho aló polo século XIII á autora máis nova das nosas vigorosas letras.

Como en toda familia, choramos a viaxe a destempo que emprenderon en plena madurez figuras como Luísa Villalta, Lois Pereiro, Paco Souto, Gustavo Pernas, Lino Braxe, Vidal Bolaño ou Xela Arias. Si, Xela, falecida con 41 anos e cun talento contrastado para continuar unha obra complexa e novidosa no panorama da poesía galega dos 80 e 90, que foi o seu tempo literario. Unha obra na que se senten recoñecidas moitas escritoras que viñeron despois a agradecer as portas que se abriron.

O sistema ten moitas urxencias pero unha enorme capacidade de lembrar e honrar tantas amigas e amigos que xa non están. Fíxoo con Roberto e con Lois. Farao algún día con Luísa, Paco, Gustavo e Lino. É moi proveitoso saber como viviron e que fixeron, catar o sabor da súa palabra, apañar a súa pegada nas nosas vidas, descifrar tantas mensaxes que nos foron enviadas.

Estes meses doutro ano difícil para a cultura e o libro, poñemos os ollos en Xela e nos seus enigmas. Activista das mellores causas, libre e transgresora. Escritora, editora, tradutora, sempre camiñou uns pasos por diante cuestionando non poucos códigos, algunhas tradicións e ordes diversas.

Ela tamén representaba unha parte decisiva da cultura urbana que ten como capital Vigo, a cidade irmá da Coruña. Viviu á intemperie para nos ofrecer ángulos inéditos da maternidade, do amor, da vida, do idioma, da poesía. Lermos a súa obra e divulgala, recoñecermos os fíos da súa biografía, poñérmola de actualidade na nación de 2021 é un imperativo para a gran familia das letras galegas. Unha familia que ama Xela Arias.

Unha necesidade que tamén encerra unha advertencia que estes meses resoa nos corazóns do lectorado galego: Vencerse é cousa de se tratar.