E Murcia: Aínda deben estar lamentando hoxe na Moncloa o momento no que lles deu por promover a moción de censura en Murcia. Na mesma xogada destruíron un socio polo centro, Ciudadanos, co que xogar á xeometría variable no Parlamento, e crearon un mito, o de Ayuso, ao que xa empezaran a alimentar desde o PSOE co seu desastroso mitin das bandeiras, cando ían obrigala a pechar Madrid. Á vista das audacias dos estrategas do partido gobernamental enténdese mellor o destino político de José Antonio Monago.

E Gabilondo. Xogar a ser un Tierno Galván erudito e parsimonioso na apoteose da sociedade do espectáculo non semella a mellor receita para o éxito. Nunca saberemos se o irmán pequeno de Iñaki sería mellor presidente que candidato. En todo caso, a entrada en escena de Felipe e Leguina non contribuíu a mellorar as súas expectativas de vitoria, só engadiron outro capítulo máis á tradición cainita da FSM.

E Mónica García. Unha candidata honesta recrutada dunha das primeiras liñas de fogo do noso tempo: o sector sanitario. Sen alardes dialécticos pero de xeito convincente, fixo unha defensa férrea da necesidade duns servizos públicos de calidade, e amosou que na política existe ás veces unha relación proporcional entre a sementeira e a seitura.

E Monasterio. Á candidata de Vox aplicóuselle o mesmo atenuante que aos violadores nos tribunais machistas de antano: o da provocación das súas vítimas. A ultradereita española non pode resistirse ante o desfile incitante de comunistas, nacionalistas, migrantes e feministas en infernal desfile. E ás veces váiselles a man, claro. O seu emprego dos menas como reclamo electoral forma parte da pura bazofia política. Un prato que, porén, sempre acaba atopando o seu comensal.

E Ayuso. Se a política consiste en dicir o que a xente quere escoitar da maneira máis simple posible, Ayuso fixo o seu traballo mellor que ninguén. Traduciu termos abstractos como liberdade a fórmulas básicas do tipo: “quero poder tomar unha caña se me dá a gana”. Un discurso lixeiro e banal, sen aparente carga ideolóxica, transmisor dunha idea de Madrid castiza, hedonista e popular de doada identificación. Porén, a cuestión de fondo, o que realmente se xulgaba nas eleccións era a súa xestión ao estilo Bolsonaro da crise sanitaria, en contrapunto á cautela responsable da Moncloa. E tamén de Feijóo, por certo. Neste sentido, o goberno non pode evitar darse por aludido polo éxito de Ayuso: o levantamento do estado de alarma destes días semella case tamén unha concesión ao laissez-faire madrileño.

E Pablo Iglesias. Despediuse con honor, pelexando ata o final e salvando o seu partido da debacle. O antifascismo non deu mobilizado grandes continxentes de voto nun país que fixo da desmemoria a súa única relación admisible co pasado. Marcha o político máis brillante da súa xeración, a miña, convertido no depositario dun odio aterrador e inmenso que demostra quen manda realmente no circo mediático.

E Madrid. A capital do reino xoga a ser a Miami europea. Bastión de ultradereitistas, da economía de casino e dunha concepción colonial do estado. Madrid como problema.