Andamos a ler estes días o libro de conversas entre Juan Luís Cebrián e Felipe González titulado O futuro xa non é o que era, unha alusión irónica ao final dunha era, a das utopías, na que ningún dos dous militou, pois a confianza na construción dunha sociedade sen clases, por sinalar un caso, é un vicio de inxenuos e derrotados, categoría na que, desde logo, nunca cadraron González nin Cebrián.

O libro resulta máis ben nunha apoloxía do pragmatismo como única razón do home de estado. Un pragmatismo que Felipe expón sen pasteurizar, en bruto e cunha frialdade tal que mesmo chega a estarrecer por momentos a un xornalista como Cebrián, probablemente, con pouca predisposición conxénita ao asombro. A filosofía do poder na versión felipista podería condensarse do seguinte xeito: “O home de estado fai o que é necesario facer, non o que debe, nin o que ditamina a tradición ideolóxica do seu partido. A súa única obriga é a de conservar o poder, e para iso debe evitar, en primeiro lugar, a inimizade dos poderosos”.

As relacións do PSOE felipista coa Coroa, a Igrexa Católica, a Banca ou os Estados Unidos ilustran perfectamente este axioma. Aínda que ás veces encaixar as pezas lle esixise xiros de guión un pouco alambicados de máis, como foi o caso do referéndum da OTAN, no que os” atavismos identitarios” do partido tiveron que ser endereitados, con violencia e a última hora, polos pragmáticos no goberno. Velaquí o auténtico rito de pasaxe do gobernante de raza: a renuncia aos seus principios.

O que non está disposto a admitir Felipe é que ao facer unha política macroeconómica de dereitas —por moito que a compensase coa creación dun digno estado de benestar, certo— estaba deitando as bases para a hexemonía neoliberal que veu despois. Estoume referindo, por suposto, ás privatizacións. A privatización das grandes empresas públicas que el iniciou baixo o rótulo da “modernización”, por unha parte, privou o Estado duns activos valiosos dos que tirar en tempo de crise, botando man dos beneficios das empresas estatais para minimizar o recurso á débeda pública e, pola outra, creou un novo poder fáctico, o IBEX-35, verdadeiro árbitro da política española, que ten proscritas opcións como a suba de impostos de sociedades, 20 puntos máis baixos que o noso amigo lector, que estaban no pacto de goberno do PSOE e UP. A democracia dos votos fronte á plutocracia do diñeiro.

E como está prohibido subirlle impostos a quen máis ten, como aconsellan a racionalidade económica e a xustiza social, acabaron por subirllos a todo cristo. É dicir, ao rexeitar crear no seu día un estado social-demócrata sobre a base do estado nacional-sindicalista que o precedía, modernizándoo e non vendéndoo, ao apostar pola falacia dun social-liberalismo con pés de barro, atopamos que no estado español a política económica é sempre de dereitas, goberne quen goberne. Como non houbo utopía, tampouco haberá autovías, e o encarecemento do transporte por estrada acabará repercutindo no peto de todos.