Os ideólogos nazis eran especialistas en manipular a lingua e con ela as emocións dos falantes conscientes de que no espazo lingüístico é onde se exercita e exerce o auténtico poder tal como nos dixo Victor Klemperer na súa impagable obra LTI. La lengua del Tercer Reich.

Tamén os ideólogos do franquismo, bos discípulos do nazismo, perverteron o significado de non poucas palabras e converteron o golpe de estado en “Alzamiento Nacional”, a guerra en “santa cruzada”, en “patriotas” aos golpistas e en “traidores” aos leais ao goberno da República.

Seguindo esta liña o franquismo tentou deturpar a palabra exilio mesturándoa coa emigración aproveitando que ambas comparten os sentimentos de nostalxia e de ausencia. Desta maneira quedaba a palabra “exilio” desposuída do seu significado político, de loita, de denuncia da ditadura para integrarse no pacífico eido do ancestral mundo emigrante. Estamos a referirnos, naturalmente, ao exilio de 1939 caracterizado por afectar a todas as ideoloxías respectuosas coa legalidade democrática: nacionalistas, socialistas, comunistas, liberais, anarquistas, etc. En definitiva era este exilio republicano o último chanzo dunha serie histórica de expulsións —xudeus, moriscos, humanistas, ilustrados, liberais, comunistas ou anarquistas— que constitúen a mellor testemuña da construción excluínte e intolerante do estado español.

O recoñecemento internacional do franquismo por parte das potencias vencedoras da guerra mundial sembra o abatimento e o desánimo entre os exiliados e, como consecuencia, xenérase unha profunda reflexión sobre a súa difícil situación que, inevitablemente, conduce a precisións conceptuais que perduran no tempo. Sucédense xaora as metáforas do desarraigo e Dieste fala “da instalación existencial nese columpio incesante do exilio”, Luís Seoane refírese aos exiliados como “barcos desmantelados no medio da tormenta”; outros coñecidos escritores defínense como “astros solitarios na noite da vida”, “peregrinos sen fe”, “seres errantes”, etc.

Pero a máis expresiva e singular definición da vida en exilio déunola Xosé Otero Espasandín nun momento determinado da súa estancia en Arxentina a onde chegara chamado polo seu amigo Rafael Dieste que puxera unha certa orde no caos de formatos e ofertas da editorial Atlántida.

Creou o rianxeiro a denominada “colección Oro” que combinaba rigor científico con afán divulgativo na que con espírito solidario, reúne numerosos exiliados, escritores e artistas como María Zambrano, Carmen Muñoz, Lorenzo Varela, Seoane, Castelao, Colmeiro, Federico Ribas, etc. ,etc. O éxito foi tal que mediante estes libros educáronse varias xeracións de arxentinos sendo os seus volumes prezados agasallos de onomásticas e aniversarios da burguesía porteña.

Otero Espasandín é autor de case corenta títulos desta colección, un por cada mes de permanencia en Bos Aires. Vivía modestamente cos 300 pesos que lle pagaba a editorial por cada volume.

A inflación galopante en Arxentina provoca que Espasandín, acompañado por Dieste, solicite un aumento razoable do seu minguado salario. O argumento esgrimido non é outro que o seu traballo rigoroso e documentado. A resposta do responsable da empresa deixa sen palabras aos dous amigos: non é necesario tanto rigor nin documentación, alixeire os contidos, porque non podemos subirlle a retribución.

Abandonaron o despacho do vicepresidente Vercelli e dirixíronse ao apartamento dos Dieste, cerca da editorial. Tomaban os dous amigos un té en amargo silencio cando chegou Carmen Muñoz que, naturalmente, pregunta polo resultado da xestión, xa intuído polos xestos observados.

Espasandín, abatido, resposta: “O triste destino dos exiliados é dar lebre por gato. Sempre estamos condenados a dar lebre por gato”.