O mesmo día no que a Unesco rexeitaba a candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial, unha multitude manifestábase en Compostela contra a proliferación de parques eólicos no noso país. Unha multitude diversa —procedente dos catro puntos cardinais: desde o Vimianzo dos Penedos de Pasarela deica a Serra do Iribio, de Ordes á Serra da Groba, de Ourol a Mazaricos— denunciaba masivamente no Obradoiro o espolio da paisaxe, a expropiación da nosa enerxía, o proceso de venda en curso, en definitiva, dun país na súa totalidade.

O rexeitamento da candidatura da Ribeira Sacra por parte da Unesco é o balance final dunha estratexia desarrollista de explotación dos recursos naturais incompatible co coidado do noso patrimonio natural e cultural. As grandes infraestruturas hidráulicas non combinan ben cos vestixios do románico eremítico, concluíron os especialistas de ICOMOS. E teñen razón. O malo é que hoxe estamos iniciando un ciclo idéntico a aquel.

Pero ademais da desfeita paisaxística e patrimonial, hai outras semellanzas nos procesos de explotación dos ríos durante o franquismo e o do vento na xeira democrática. Hoxe o veciño de Vimianzo, igual que onte o de Belesar, pagará o mesmo prezo pola luz que o veciño de Leganés, situado a 500 kilómetros do parque eólico instalado ao pé da súa casa.

Hoxe, como daquela, Iberdrola, Naturgy ou Endesa pagan en Madrid o seu imposto de sociedades. Así que o galego do 2000, igual que os seus avós, non poderá atopar nas rendas indirectas percibidas en forma de investimentos autonómicos un consolo polos encoros e viraventos.

Iso si, os galegos agora, como durante o franquismo, non fomos consultados con antelación sobre as grandes infraestruturas que se pretende instalar nos nosos montes. Estas cousas planifícanse como unha verdadeira operación militar: en secreto e sobre o mapa, lonxe da zona que se pretende conquistar e ocupar. A publicación no DOG dos novos parques é unha sorte de declaración de guerra que activa unha resistencia espontánea, heroica e popular nas aldeas afectadas.

Certo que, a diferenza de hai sesenta anos, agora podemos apelar a unha instancia xudicial, como o TSXG, e mesmo gañarlles ás veces o preito. Tamén é verdade que podemos manifestarnos un sábado en Compostela sen temor ás culatas dos grises, ou escribir unha columna como esta, ou votar cada catro anos para castigar o mal goberno.

Pero tamén cómpre sinalar que agora non existen xa empresas enerxéticas de titularidade pública nin tampouco prezos regulados da luz. Paradoxicamente, a democracia non supuxo un avance no control social da produción, senón que o neoliberalismo campa nun sector completamente desregulado e privatizado, así como nun Ministerio de Industria do que ninguén agarda máis noticia que elaboradas discursos xustificatorios da súa inhibición sistemática.

Eólicos, así non, foi a consigna no Obradoiro do sábado pasado. Cómpre empezar por esixir unha moratoria á instalación de novos parques en canto non exista un plan sustentable ambientalmente que deixe no país máis beneficios que as migallas dun canon irrisorio. Cómpre deixarmos de repetir a mesma historia.