Cando o estado non controla o mercado é o mercado quen controla o estado. Resulta difícil non chegar a conclusións tan simples coma esta logo de observar o acontecido coa factura da luz estas últimas semanas. Resulta evidente que estamos ante un sector eléctrico completamente fóra de control, nunha espiral alcista que non é consecuente coa relación entre oferta, demanda e custes de produción, senón máis ben coa necesidade de recuperar parte dos lucros perdidos o ano pasado coa baixada no consumo provocada pola pandemia.

Non se cumpriu ningunha das profecías de Felipe González e Aznar de hai 25 anos: o mercado libre eléctrico nin provocou unha baixada dos prezos da luz pola competencia entre as empresas liberadas dos grillóns do estado, nin mellorou tampouco a calidade do servizo tal e como anunciaban día tras día nos telexornais da época. Nada diso. O que si houbo foi un reparto amigable do mercado entre as tres grandes e un pacto de cabaleiros sobre o prezo final ao consumidor. É dicir, un oligopolio. Cómpre dicir, así a todo, que cando privatizaba e desregulaba Aznar facía o traballo que se espera dun político de dereitas. Cando Felipe facía unha política económica de dereitas simplemente estaba a subscribir un magnífico plan de pensións.

“Non estamos nunha economía estatalizada, non estamos nun réxime comunista”, proclamaba hai un par de anos a ministra Magdalena Valerio cando rexeitaba nacionalizar Alcoa. Non acabamos de saber cales son entón os verbos que está autorizado a conxugar un goberno de esquerdas non comunista. Pois –se privatizar e desregular son as palabras da dereita, e nacionalizar e regular están proscritas por seren comunistas– aos social-liberais no poder réstalles un campo semántico ben cativo para exercer o seu goberno. Tan reducido é que mesmo cabe preguntarse se realmente pode ser admitido como acción de gobernar a de comentar a xogada, expresar preocupación ou, como moito, adiantar a hora val para evitar as lavadoras centrifugando de madrugada.

Agora que xa pasaron 10 anos do 15-M, cómpre dicir que tiñan razón en todo pero non importaba. En efecto, vivimos baixo un sistema oligárquico e corrupto no que os intereses do diñeiro se opoñen aos da maioría pero no que a maioría acaba lexitimando os intereses dos poucos co seu voto. Este paradoxo ten unha longa tradición nas ciencias políticas e sociais, desde a servidume voluntaria de La Boétie deica á alienación de Marx, e as teorías de control da opinión pública. Pero como ben dicía o tolo de Turín, non é máis libre aquel que se ri das súas cadeas.

Como a democracia non se esgota no voto, tampouco a política na acción do goberno ou na súa falta como neste caso. Afortunadamente, dispoñemos doutras ferramentas coas que actuar cando desisten de facelo os nosos representantes públicos. Podemos manifestarnos masivamente para expresar a nosa oposición á suba do prezo da luz, e podemos tamén desobedecer, deixar de pagar as facturas das eléctricas por seren abusivas, incomprensibles e inxustas como neste caso.