Durante un tempo o profesor Barreiro tivo entre os seus proxectos de investigación unha historia da Real Academia Galega (RAG) que, desventuradamente, non chegou a materializarse. É mágoa xa que o coñecemento rigoroso da institución axudaría sen dúbida a desentrañar as complexas relacións que se estableceron entre a RAG e a condesa a raíz do legado da súa casa familiar da rúa Tabernas da Coruña por parte das súas herdeiras. Porque, convenzámonos, non é posible solucionar, coa visión simplista que do asunto ten a actual executiva da Academia, o problema complexo que presenta actualmente esa relación contra natura.

A intención primeira das propietarias era cederlle o edificio ao concello da Coruña, presidido daquela por Alfonso Molina. Aspiraban lexitimamente a que A Coruña fose depositaria da lembranza e da sona literaria da súa nai e da xenerosidade da súa familia. Desviadores desta vontade inicial para orientala á RAG foron, amais do devandito alcalde, Dalmiro de la Válgoma e Xulio Rodríguez Yordi, ambos moi cercanos ás dúas herdeiras. O primeiro, heraldista e militar, como autor dunha monografía titulada La condesa de Pardo Bazán y sus linajes (Burgos, 1952) e o segundo como continuador da amizade que o seu pai, Eladio Rodríguez, tiña coa familia, pronuncia en 1956 no salón de actos da Reunión Rercreativa e Instructiva de Artesanos, coa condesa presidindo en primeira fila, o discurso de ingreso titulado Lo maternal en Emilia Pardo Bazán, unha defensa da nai garimosa inxustamente cuestionada. As devanditas monografías eran tamén resultado do especial esforzo da familia por suavizar a imaxe dunha Pardo Bazán “marimacho” e desafecta cos seus fillos, por unha parte, e por outra combater a idea que cuestionaba a concesión do título que ostentaban.

Cada un dos participantes nesta operación —herdeiras, concello e Academia— estaba impulsado por diferentes motivos. Así, o interese principal da alcaldía era liberar o espazo que estaba a ocupar a Academia en María Pita desde os últimos meses do ano 1919. Malia a escasa actividade académica despois de 1936, resultaba perturbador a presencia dunha institución que cada día demandaba máis atención e medios interferindo na actividade municipal.

O obxectivo que perseguía a familia de Emilia Pardo Bazán era, coincidindo coa discreta celebración do centenario do seu nacemento, unha clara vontade de redención da figura da escritora que contempla unha visión reparadora e canonizadora.

Pola súa parte a RAG a partir da Guerra Civil estaba a pasar os momentos máis duros da súa existencia que, a pesar de estar desaparecidos parte dos libros de actas, podemos reconstruír e seguir mediante a correspondencia: nomeamento de Franco como presidente de honra, que non se digna agradecer, intento de censura e depuración da biblioteca, sesións académicas presididas polo ministro de Educación, que adoita delegar no reitor de Santiago coa asistencia do sempiterno delegado gobernativo Sr. Asorey, desaparición do Boletín, convites a procesións e honra dos Caídos e tomas de posesión dos xerarcas da Falanxe, que non se poden eludir e, en fin, soportar que a RAG ten como misión “enaltecer y glorificar el nombre de Galicia, dentro de su acendrado culto a España”. Todo encabezado coas consabidas consignas patrióticas con Vivas a Franco.

Coa aceptación do legado das herdeiras da condesa a RAG intentou blindar a institución da mesma maneira que xa tiña feito cando con ocasión da súa fundación solicitara a concesión de REAL que a deixaba a cuberto das veleidades e arbitrariedades da política local. Así, tamén nesta ocasión, confiaba a Academia en que Meirás, que unía os nomes de Franco e Pardo Bazán como moi ben intenta e simboliza a obra de Manuel Vidal Rodríguez titulada inequívocamente Torres de Meirás: Vida y trabajo de la condesa de Pardo Bazán y El Caudillo, fose o talismán que lle devolvese a tranquilidade perdida.

O profesor Barreiro era moi consciente desta complexidade e tratou de sortear todos os problemas por anticipación creando co museo e revista un anexo inevitable con funcionamento autónomo, que non interferise na marcha da Academia. Os actuais dirixentes, especialistas en efemérides e ignorantes do pasado da institución, pretenden dar o mesmo tratamento á condesa que lle dan ao personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas sen preocuparse de diferenciar os dous sistemas literarios que representan. Non se trata de discutir a valía literaria da condesa, trátase, en definitiva de fomentar e potenciar a cultura galega á que non pertenece, por decisión propia, Emilia Pardo Bazán.

Nota bene: A RAG non ten futuro neste edificio pouco funcional e limitado de Tabernas; ceda, pois o mesmo ao concello, garante e aval testamentario, para reclamar o emblemático edificio Casa Cornide. Paga a pena a espera, a reflexión e o debate antes de embarcarse nunha aventura ruinosa, sin sentido na que está empeñada a desnortada Academia actual.