O movemento asociativo coruñés tivo que desenvolver un longo percorrido a través das últimas décadas. Por un lado, debía resituarse nun contexto socio-político en función dos gobernos municipais de turno e, por outro, tivo que aturar os fortes ataques provintes de certos poderes desexosos de evitar calquera crítica ás súas actuacións. O desencanto, termo acuñado a miúdo como xustificación para explicar unha suposta debilidade deste movemento, contrasta coa existencia de asociacións que se toman en serio o seu traballo, desenvolvendo suxerentes iniciativas, aínda que iso si, coa agravante de non someterse a outros ditados que as súas propias conviccións. Non en balde, o sociólogo Moscovici sostén que estamos nun período máis apropiado para a actuación de minorías activas que de maiorías combativas porque, asegura, a forza das minorías radica no vigor da súa coherencia ideolóxica.

Todo isto vén o caso a raíz dunha aberrante experiencia que ten como protagonista ao centro social Gomes Gaioso, situado na rúa Marconi, no barrio de Atochas-Monte Alto, fonte de experiencias culturais nos últimos 14 anos e con aportacións de grande creatividade. Un informe da policía municipal, que pon en entredito a súa condición de asociación, foi suficiente para que o goberno municipal lles pechara o seu local. Gomes Gaioso apelou presentando informes que avaliaban a súa natureza asociativa, mais o goberno municipal nen tan siquera accedeu a recibir aos seus representantes para clarificar o que entenden como un erro de interpretación. Mágoa, porque é precisamente no plano destes movementos sociais non institucionalizados onde a creatividade resulta máis enriquecedora e dinámica ao ocuparse de reivindicacións concretas: a ecoloxía, o feminismo, o urbanismo, o patrimonio histórico, a contaminación ou o tráfico exasperante, preocupacións que forman xa parte do sentido común de amplos sectores da poboación e que simbolizan as causas estruturais da crise urbana nas grandes cidades produto da necesidade cualitativa e cuantitativa por parte da poboación de diversos servizos e a incapacidade do sistema para proporcionarllos.

Cando un goberno municipal, que alardea de esquerdas, ataca a unha entidade como Gomes Gaioso privándoa do seu local, contribúe a crear unha situación de desconfianza e descrédito deica ese goberno municipal. Claro que a sostida situación de pandemia non axuda precisamente a crear un ambiente favorábel ao traballo destas entidades, mais resulta esaxerado que nunha cidade con experiencias asociativas como A Coruña poida chegarse a tales extremos de confusión. Unha mínima dose de memoria histórica aconsellaría que o goberno municipal lles facilitara as cousas tratando de potenciar a súa actividade de cara a expresar e vehicular a través de diversas liñas de actuacións as aspiracións de calquera colectivo social na búsqueda dunha condición humana na que valores como tolerancia, creatividade, participación e liberdade sexan algo máis que invocacións retóricas.