Eric Hobsbwan titula Bandeiras ao vento o capítulo 6 da súa obra Las naciones y el nacionalismo. La era del imperio (1875-1914) onde relata a eclosión de estados, que non nacións, como consecuencia da descomposición do imperio austro-húngaro inmediatamente despois do remate da chamada primeira guerra mundial. O prestixioso historiador británico alude tamén neste mesmo capítulo á novidosa tendencia a definir a nación en termos lingüísticos onde soamente o poder político, sinala o autor, pode transformar o estatus das linguas menores ou dialectos aos que define intelixentemente como “linguas que non posúen un exército nin unha forza policial”.

Consecuentemente a correlación entre lingua, nación e identidade tamén figuraba no programa cultural das Irmandades da Fala que impulsan a utilización con este fin de símbolos como bandeira himno e escudo. Anos antes, con afán construtivo, os rexionalistas intentaran, co traslado dos restos de Rosalía, os xogos florais de Tui ou o monumento aos mártires de Carral, crear lugares da memoria na procura de identidade e recoñecemento. Contrastan estes nobres antecedentes protagonizados, nomeadamente, polas persoas que fundarán a Real Academia Galega no ano 1906, coa ausencia absoluta destes mesmos símbolos na sede da institución creada. Nin en Rego de Auga nº 38 (1906-1919), nin no concello da Coruña (1920-1979), nin na rúa Tabernas nº 11 (desde 1979) ondeaba bandeira alguna que singularizase unha institución patriótica encargada de construír a nación.

Esta, digamos, anomalía, non se reparará ata a chegada de Méndez Ferrín á presidencia (1910) que se empeña en que a bandeira galega ondee no balcón principal da que fora casa familiar de Emilia Pardo Bazán. Coa mesma intención consegue que o mapa de Fontán, outro celebrado símbolo identitario, reciba aos visitantes nada máis traspasar o portón de entrada.

É a mesma bandeira, tal como temos acreditado, que acompañou os restos de Rosalía de Castro en 1891, ano do seu traslado desde Adina a Santo Domingos de Bonaval, e a mesma que permaneceu arriada durante tres días cando faleceu (novembro, 2010) o que fora presidente Fernández del Riego, por orde de Ferrín. Anos máis tarde tamén foi arriada con ocasión da morte de Adolfo Suárez (marzo 2014), por orde de Alonso Montero. Mágoa que o recente pasamento do expresidente Xosé Ramón Barreiro lle pasase inadvertido aos actuais dirixentes que como viven en Santiago non sempre se decatan do que pasa na Coruña. Cousas da vida, que diría Castelao.

Para falar do mastro desta bandeira temos que lembrarnos de Xosé Manuel Pose Mesura, un home bo e xeneroso que faleceu hai case nove anos non sin antes deixarnos mostras da súa xenerosidade con inestimables e desinteresadas axudas para a RAG acudindo á nosa chamada cantas veces o requerimos e necesitamos.

Permítanme reparar hoxe nun aspecto da súa vida que sempre permaneceu nun segundo plano, velado polas súas responsabilidades sindicais —foi membro da Executiva Federal da FETE-UXT— e políticas —Subdelegado do Goberno na Coruña (2007-2011) e Delegado do Goberno en Galicia (2011-2012)—. Estoume a referir á súa sólida formación humanística, que se plasmou nunha obra, en colaboración coa súa dona Ana Romero Masiá, titulada Galicia nos textos clásicos (1987) editada polo Padroado do Museo Arqueolóxico Provincial. O libro recolle, traducidos ao galego, unha ampla escolma de textos literarios gregos e latinos referidos a Galicia, que comeza con Herodoto (484-425 a. X. aprox.) e remata con Claudio Claudiano (fins do século IV-comezos do século V d. X.), pasando polos máis coñecidos Strabon, Tito Livio, Plinio, Ptolomeo, Plutarco, Paulo Orosio, ata máis de 35 autores e textos. Obra, por certo, profusamente frecuentada sen mención expresa aos tradutores na maioría dos casos.

Quédanos, como símbolo robusto da súa xenerosidade, o fermoso mastro que sostén a bandeira que ondea na rúa Tabernas: o azar, riscos do mar, trouxo a Barizo (Malpica), o seu lugar de nacemento, entre as crebas invernais, unha madeira exótica que Pose deu a un curmán carpinteiro e no seu derradeiro acto oficial como Delegado do Goberno, mostrounos, orgulloso, o agasallo que loce no balcón da Real Academia Galega. O agasallo dun patriota.