Agora que nos imos achegando ao 25 de xullo e ninguén programa para nós, como tampouco sucede o Primeiro de Maio, cómpre crear as condicións climáticas precisas para lembrar que aínda somos unha nación por construír. Recomendamos para este fin a lectura do Alba de Groria, o discurso de Castelao para o Día da Patria de 1948 escrito desde exilio bonaerense no que convoca “unha Santa Compaña de inmortaes galegos en intermibábel procesión”, desde Prisiciliano e Martín Códax, deica Rosalía e “o gran Don Ramón”. Todos eles por xunto “capaces de erguer a intransferíbel autonomía moral de Galiza”. Para aqueles que prefiran as achegas audiovisuais á literatura patriótica, recomendamos o visionado de CCCV, Cine Clube Carlos Varela, o filme montado por Ramiro Ledo sobre materiais recuperados do camarógrafo das Labregas; ou a retransmisión do traslado dos restos de Castelao deica o pechado Panteón de Bonaval un 28 de xuño de 1984, e locutado de xeito inesquecible por Tareixa Navaza. Todas estas pezas están dispoñibles de xeito gratuíto na Rede e son un xeito de lembrar as tentativas de quen nos precedeu no choio de pórlle un espertador a este país adormecido, como xa lamentaba Pondal no Himno.

Ao que parece, o sono dos galegos é profundo e precisa de verdadeiros balbordos e cataclismos para acordar del. O noso último gran espertar comunal foi a conta do Prestige e semella que hoxe, a avalancha de parques eólicos con viraventos de 250 metros de altura cravados como agullas na hepiderme do país, está a producir o arreguizo que precede a toma de conciencia. A diferenza do petroleiro afundido fronte a Fisterra, os muíños de vento vanse espallando a través de todo o territorio e iso amortece o seu impacto informativo, xa en por si moi cativo pola renuncia dos medios a informar sobre a envergadura dos proxectos, a súa natureza colonial e o retorno económico residual para as xentes das comarcas onde se asentan, que son todas, da Costa da Morte ao Courel.

A gran manifestación no Obradoiro do pasado 5 de xuño, nun contexto dificilísimo para a mobilización, puido ser o sinal de alarma preciso para enxergar a magnitude do desafío, da loita desigual que libran cada día ducias de asociacións e persoas particulares fronte ás enerxéticas protexidas pola Xunta e o Estado. A normativa autonómica, como denuncia o propio TSXG, desprotexe o medio ambiente e ignora a vontade das comunidades onde se van instalar os parques, nun xeito de actuar que remite a épocas pasadas que algúns nostálxicos describen como de lei sen democracia, como se a primeira non debera ser sempre consecuencia da segunda.

Este 25 de xullo han resoar tamén en Compostela os ecos das grandes manifestacións de dó e raiba polo asasinato do coruñés Samuel. O rexeitamento unánime e multitudinario da besta fascista que retorna unha e outra vez, como o pesadelo dunha Historia do que nunca acabamos de acordar. Incorpórase a súa memoria áo catálogo das loitas dese pobo futuro que está por construír e que somos todos.