Todos os galegos son Galicia e hai tantas Galicias como galegos. A grandeza do país que formamos reside en que non exclúe ningunha maneira de interpretalo, senón que abrangue numerosas interpretacións e versións. Ao longo destes anos de autonomía edificamos un fogar común que ten cabida para moitas sensibilidades diferentes. O único requisito consiste en querer participar nunha gran obra colectiva na que ningunha aportación é superflua.

Grazas a ese piar fundamental da nosa convivencia, Galicia é unha realidade antiga e nova, vella e contemporánea, tradicional e moderna. En cada época na que estivemos presentes produciuse unha relación enriquecedora co noso entorno, mediante a cal aportamos o mellor de nós e adquirimos o mellor do mundo que nos rodea. Velaí unha actitude vital semellante á do peregrino que durante as etapas do Camiño vaise transformando sen perder a súa identidade. Quen chega a Compostela non é o mesmo que botou a andar no seu lugar de orixe; vaise producindo nel un cambio paulatino que enriquece a súa personalidade con experiencias novas.

Neste Xacobeo bienal e extraordinario, é bo recordar que cada peregrino ten unha idea distinta do significado do Camiño. Son diversos os motivos que o impulsan, as enerxías que o manteñen, as metas que persigue. É un Camiño de liberdade onde o camiñante síntese libre e ao mesmo tempo vencellado a un sentimento que compartiron antes que el innumerables devanceiros, e que comparten agora xentes de todas as procedencias.

Galicia é un pobo que peregrina na historia. Agora que celebramos 40 anos do noso Estatuto, cabe destacar que dende a consecución do autogoberno os galegos trazan un camiño polo que se pode transitar en liberdade, falando, acordando, axudando e recibindo axuda. Cada día do ano os galegos celebran a festa do seu país establecendo relacións de todo tipo que dan forma a unha comunidade de intereses e tamén de afectos. Non é casual que Eduardo Pondal elixira a palabra fogar para referirse á galeguidade porque Galicia reúne todos os atributos que fan que a mera coexistencia se transforme en convivencia.

Podémonos preguntar se todos eses valores que relacionamos coa nos terra aportan algo cando xorden turbulencias que é necesario atravesar, ou soamente teñen validez cando o camiño está libre de dificultades. Sabemos que este é un momento de desacougo no que, á evolución non sempre positiva da loita contra a pandemia, únese á inquedanza polas súas secuelas sociais e económicas. Desacóugannos dúbidas comprensibles sobre o que nos depara o futuro, que nin sequera nun 25 de Xullo é doado esquecer. Aínda que non todas poden ser resoltas tan cedo como quixeramos, si está nas nosas mans favorecer e propiciar respostas axeitadas.

Entre elas a máis importante é a cohesión social. No tempo que levamos soportando a pandemia, a forza dos vencellos que unen aos galegos foi un factor determinante para que a reacción fose eficaz. Galicia respondeu igual que os fogares obrigados a afrontar unha situación imprevista que pon en risco o seu modo de vida. Aqueles que se disgregan teñen menos posibilidades de sobrepoñerse que aqueles outros que estreitan a unidade entre os seus membros. O noso pobo actuou e actúa como un fogar unido no que cada un dos galegos asume con madurez as súas responsabilidades.

Grazas a ese carácter que nos distingue Galicia sigue facendo o seu camiño. O 25 de Xullo fai un alto, mira cara o treito percorrido e ten a certeza de que será quen de chegar alí onde se propoña. Farao en liberdade, orgullosa de si mesma, formando parte da España común e aberta a todos os pobos do mundo. Nesa galeguidade entendida como un camiño longo e amplo, todos os camiñantes son necesarios. Todos son Galicia e Galicia é de todos.