Rara vez hoxe o nome de Rianxo, a vila de Castelao por antonomasia, vai disociado da canción A Rianxeira. Un cantar de ida e volta, que fala do mar e das ribeiras, das ondas e de barcos, música, en definitiva, de mariñeiros e de emigrantes que ten arrecendo a salitre, ausencias e nostalxias.

Non todo o mundo sabe que foi composta para homenaxear a Castelao no ano 1947 co título de Ondiñas da nosa Ría e gravada na prestixiosa RCA Víctor no ano 1948. Levaba o ilustre rianxeiro un ano en París como ministro de Giral e regresaba no mes de setembro, uns días antes da festa grande de Rianxo na honra da Guadalupe, tamén celebrada na Arxentina pola Sociedade de Parroquias Unidas do Axuntamento de Rianxo en Bos Aires. Aquí confluiran, despois de 1939 emigrantes e desterrados, orfos da Terra, compartindo ausencias. Dous rianxeiros, Xesús Frieiro (1915-1974), nacido na Arxentina e Anxel Romero, falecido en 1967, ambos pertencentes ao coro e rondalla societaria artellan unha canción na honra de Castelao ao seu regreso á capital da diáspora galega. Un agasallo para unir as dúas ribeiras no día da Guadalupe.

Non faltou quen dixese que no espallamento e recoñecemento desta popular canción a partir dos anos cincuenta do pasado século tense obrado un milagre pero os que non cremos nos feitos irracionais, tentamos sempre explicacións máis humanas onde os sentimentos case sempre desempeñan un papel esencial. E os que levaron A Rianxeira polo mundo, mar adentro, foron o sentimento da ausencia, o sentimento de pertenza a unha terra, e a canción popular como expresión de ambos. Xa en 1906 o sacerdote Valentín Villanueva documenta esta tradición ao escribir unhas coplas populares, inéditas, co expresivo título de Viva Rianxo! nas que retrata unha serie de personaxes populares rianxeiros, entre eles os célebres Pasmita e Chuvasco, que están “matando a mosca na perna” no peirao da Rabaleira e que tanto cantan ocasionalmente nunha novena ou nunha procesión como a diario na taberna da Zurela.

Castelao, consciente desta tradición popular, sabe valorar o especial agasallo dos seus veciños. Contaba un dos últimos compoñentes do coro societario que o guieiro, xa enfermo, escoitou con emoción As ondiñas da nosa Ría porque lle facía rememorar os ecos das habaneras nocturnas que chegaban á súa casa paterna desde a taberna da Zurela en Rianxo e tamén as voces limpas das mulleres que escollían o peixe na ribeira e no medio do balbordo entoaban unha cantiga que se perdía na madrugada cando se dirixían a vender o peixe polas aldeas.

E todo comezou no século XVIII, época milagreira por excelencia, cando un monxe da orde de San Xerome, natural de Rianxo, escoita a voz da Virxe de Guadalupe, na tradición das mellores lendas marianas, que o anima a levar a mensaxe divina á súa vila natal. Dende 1783, data da xa lendaria chegada do monxe, non deixaron de espallarse os feitos extraordinarios que por intermediación da devoción que despertou a imaxe, modelada en cartón pedra, se sucederon na vila. Asentado o sentimento relixioso arredor da imaxe, xurdeu de contado a canción popular que acompañou xa o traslado da imaxe dende Rianxiño á actual ubicación no campo de Arriba.

Cando D. Anxel Baltar Cortés se achega a Rianxo a principios do século XX e encarga ao arquitecto e músico Rodríguez Losada a construcción dun chalé no daquela paradisíaco Tanxil, axiña descobre o arraigo deste sentimento popular inzado pola predicación do bispo rianxeiro Arauxo Silva. Como consecuencia propón a Asorey, xa consagrado como escultor da Raza, unha monumental representación pétrea de case tres metros da Virxe de Guadalupe para presidir as súas posesións en Tanxil. Cando se inaugura en 1932, catro despois de ter feito o encargo, o pobo de Rianxo, convocado polo alcalde D. Mariano, pai de Castelao, canta unhas estrofas cun engadido da autoría do propio Baltar (escondido na sigla A.B.C.) que lle son facilitadas en vistosas follas voandeiras. Anos máis tarde Luís Seoane con ocasión dunha homenaxe a Antonio Baltar, exiliado e fillo de D. Anxel, debuxa a Virxe de Guadalupe sen o neno porque, explica o folleto, a criatura tiña medo dos fascistas. Estaba a denunciar Seoane a participación do clero no golpe franquista e a forzada ocupación da residencia familiar rianxeira por parte de Millán Astray.

A canción, pois, empezou sendo himno relixioso, foi himno cívico en Tanxil, foi agasallo político en Bos Aires e remata sendo puro sentimento popular na versión que o músico vilagarcián Bernardo del Río espalla por todo o mundo. Mudou a letra pero non o retrouso.

Polo seu poder de evocación A Rianxeira e Castelao son, tamén, cicatrices sentimentais da nosa mellor historia.