O artigo de hoxe, malia que non fose a súa pretensión inicial, é a dolorosa historia documentada dunha institución acosada, violentada e humillada na súa dignidade.

Ao amparo do artigo 15 da Ley de Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro), na Real Academia Galega (RAG) presidida polo profesor Barreiro Fernández, creouse unha comisión plural e diversa (tome exemplo a actual executiva!) para elaborar un informe sobre o nomeamento de Franco como presidente de honra da institución acaecido nun plenario celebrado ás 12.00 horas do domingo! día 13 de decembro de 1942, na aula número 1 da Universidade de Santiago de Compostela, coa asistencia de catorce académicos e diante dun delegado gobernativo, o señor Asorey. A aceptación do devandito nomeamento transmitiuse á RAG por medio da Casa Civil de S. E. el Jefe del Estado y Generalísimo de los Ejércitos con data 24 de decembro de 1942. O interesado nunca deixou constancia persoal do seu agradecemento nin tivo ningún xesto amigable para a institución durante as súas estadías de verán en Meirás.

Tanto este nomeamento como a desaparición das actas académicas do período comprendido entre o 30 de novembro de 1929 e o 3 de decembro de 1939 para borrar intervencións personais e institucionais de signo nacionalista e republicano, son, sen dúbida, accións encamiñadas a protexer a institución.

O acoso dos golpistas á RAG comeza deseguida: a partir de xuño de 1937 empeza a figurar en toda a correspondencia institucional o lema “¡Viva España! Segundo Año Triunfal”, por orde expresa das autoridades militares; solicitude da listaxe de fondos bibliográficos para proceder a expurgalos, retención de correspondencia e paquetes con contido cultural na aduana militar de Vigo, inmovilización da correspondencia e fondos documentais, etc. etc.

Como humillación se poden considerar tamén os convites das novas autoridades a misas, conferencias e frecuentes homenaxes aos rebeldes que non era posible eludir.

Por suposto que calquera reunión dos órganos de goberno da RAG tiña que contar coa autorización do Goberno Civil e os actos públicos académicos eran presididos polo Ministro de Educación Nacional tal como nos ilustra a sesión extraordinaria celebrada o día 27 de xullo de 1941 no Paraninfo da Universidade de Santiago onde tomaron posesión colectivamente vinte académicos, entre eles Bouza Brey, Cuevillas, Filgueira Valverde, Gonzalo Brañas ou Couceiro Freijomil. Este acto foi presidido polo reitor Ruiz del Castillo en representación de Ibáñez Martín, ,ministro de Educación. Á dereita do reitor estaban o arcebispo Muñiz; o alcalde de Santiago, Marqués de Figueroa; o delegado comarcal de Falange Española e o Sr. Legaz Lacambra, secretario da Universidade; á esquerda do reitor, o presidente interino da Academia, o abade mitrado de Samos e o comandante militar, sr. Judel.

Este lamentable e histórico espectáculo abonda para aquilatar a gravidade da recente cesión da presidencia da RAG con ocasión de última celebración das Letras Galegas.

Ben é verdade que o acoso non remata co nomeamento de Franco porque o 16 de xuño de 1944, o reitor da Universidade de Santiago, como delegado do Ministerio de Educación Nacional, convoca, arbitrariamente, unha reunión extraordinaria da RAG e destitúe á executiva e nomea unha xunta de idade presidida por Eladio Rodríguez.

O informe, que propuña a retirada do título de honra ao ditador, contou cunha ampla mayoría. Os seus argumentos persuasivos non estaban baseados na Lei de Memoria Histórica, pretendían a recuperación da verdade desde a memoria silenciada e a lembranza do pasado como camiño de liberación para o futuro.