Nun contexto emocional de exilio e republicanismo, na década de 1840, o gramático venezolano afincado en Chile, Andrés Bello, e o escritor e intelectual arxentino Domingo F. Sarmiento, protagonizarán un gravísimo conflito ao propoñer unha ortografía americana do español diferente á que dictaba a Real Academia Española. Tanto en Bello como en Sarmiento existía un claro trasfondo de patriotismo nas súas propostas de reforma ortográfica xa que no clima independistas no que se formulan era evidente o desexo de alonxarse das propostas da Academia Española sentidas como unha dependencia a respecto de España. Sentido patriótico e político tiña en efecto unha reforma que, basada en criterios fonéticos, aspiraba a simplificar a aprendizaxe da ortografía achegándoa á fala popular. Estas razóns e o prestixio dos defensores das mesmas provocaron a adhesión dalgunhas universidades e non poucos medios de comunicación en toda Hispanoamérica.

En definitiva, unha vez máis, a ortografía, rama menor dos estudos lingüísticos, no centro dun conflito político-ideolóxico que tardou moitos anos en cicatrizar e rebuleu coa proposta de García Márquez de suprimir as normas ortográficas no ano 1997 co mesmo argumento de eliminar unha barreira social.

En parello contexto exílico e republicano ao de Bello e Sarmiento de 1840, chegarán cen anos despois a América, cando aínda non se apagara de todo o rescaldo da polémica ortográfica, os exiliados republicanos españoles. Entre estes, como sabemos, figuraban numerosos intelectuais que se dedicaran ao ensino e ao periodismo o que explica á súa vez que fosen empregados masivamente nas industrias culturais dos países de acollida. Efectivamente, o ensino, o mundo da edición e o periodismo, como actividades remuneradas, foron sen dúbida o principal medio de vida dunha elite cultural que formaba parte destacada do exilio republicano de 1939. Vinculados maioritariamente ás teses da ILE, Centro de Estudos Históricos e Misións Pedagóxicas, eran convencidos defensores da capacidade aglutinadora do idioma e das normas oficiales.

Se o navarro exiliado en Cuba Francisco Alvero Francés dedicou ao tema da ortografía catro monografías e numerosas conferencias, o galego Rafael Dieste pasou dous anos do seu exilio en Monterrey (México) dando aulas no Tecnolóxico de Monterrey contratado polo poeta e filósofo Alfonso Rubio, director do Departamento de Humanidades encargado da formación gramatical do alumnado. Non publicou Dieste nada durante a súa estancia en México, se acaso, según hipótese do seu alumno Gabriel Zaid, tomou notas sobre a ortografía para as clases propias e as de Carmen Muñoz, a súa esposa. Pero nada máis regresar a Bos Aires comezou a darlle forma á súa Pequeña clave ortográfica, publicada en 1954 con certa reserva pola súa parte. O libro tuvo varias reimpresións porque malia ser un libro de consulta escolar, é un libro de lectura amena, de orixinalidade difícil de lograr polo tema e escrito con gracia según apunta o propio Zaid. O ensino da ortografía e este libro foron para os Dieste-Muñoz a ocupación máis rendible que desempeñaron no exilio. Pola súa parte Max Aub (París 1903- México, 1972) é autor dunha xoia bibliográfica titulada Signos de ortografía (1968) que supón unha homenaxe ao mundo da imprenta cunha dedicatoria multitudinaria na que entre os zares da edición hispana figura o galego Alejandro Finisterre. Son unha especie de microrrelatos, emparentados co epigrama e o aforismo onde os signos ortográficos están ludicamente integrados. A morte é a gran protagonista seguindo o tema do conxunto no que está integrada a obra, titulado Crímenes ejemplares (edic. completa, 2020). Como ben di “Infectóuselle aquel punto e non houbo xeito de salvalo”, “Non puido saír daquel paréntese”, “Morreu intonso”, porque “Non resistiu aquel apóstrofo. RIP.”.