Afganistán: Todo o mundo está de acordo en que a chegada ao poder dos talibáns é un desastre sen paliativos. Porén, cómpre lembrar que relatar os feitos só desde o presente é unha das formas máis elegantes de mentir. Os talibáns de hoxe son os freedom fighters de onte en Rambo III, aliados estratéxicos dos EEUU na guerra que os enfrontou coa Unión Soviética, que entrara no país en apoio dun goberno socialista que procuraba a igualdade entre as clases e os xéneros. Por seguir abusando da regra marxista: a Historia ten lugar dúas veces, a segunda como farsa. Como dixo o propio Biden, os Estados Unidos non foron a Afganistán en defensa da paz e da liberdade, senón dos seus intereses estratéxicos. Agradécese a franqueza.

Moncloa: Se os talibáns volveron a Kabul para impor a lei islámica, no estado español impera o catecismo do Deus Mercado. Ninguén se atreve a perturbar a vontade libérrima do Mercado, nin tan sequera cando este ten a forma dun oligopolio e atinxe artigos esenciais para a vida da xente, como o prezo da luz. Empezas celebrando non vivir nun país comunista, como facía Magdalena Valerio, e acabas descubrindo que nin tan sequera vives nun socialdemócrata, no que a economía está sometida ao interese xeral, como di a Constitución. Neste sentido, as chamadas á empatía do sector eléctrico por parte da ministra Teresa Ribera teñen o mesmo efecto dunha danza da choiva: un ritual exótico e inútil.

Galicia: Pero o do mercado libre é, por suposto, unha falacia. O mercado está sometido a intereses exóxenos, como o do reparto de traballo a nivel internacional, que chamamos imperialismo, e a nivel intraestatal, que definimos como colonialismo interior. Só así se explica que un país excedentario nun 30% na produción de electricidade, como Galicia, pague o mesmo por ela na factura da luz que un netamente importador, como Madrid. A febre do vento galego, con centos de proxectos de parques eólicos que xa mudaron para sempre a nosa paisaxe terrestre e no futuro tamén a costeira, non obedece ás nosas necesidades presentes ou futuras como país; non serve para crear emprego nin deixa aquí máis que as migallas dun negocio millonario. A homenaxe dos empresarios galegos a Sánchez Galán amosa, unha vez máis e por se faltaran probas, que non se pode contar con eles para defender os nosos intereses nacionais, que volven quedar, unha vez máis, nas mans miúdas e moitas dos veciños do rural afectado.

A Coruña: Logo da sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña, acusar de antidemocrático o goberno da Coruña deixa de ser un recurso da dialéctica política para formar parte dos feitos probados xuridicamente. O goberno de Inés Rey pasa a engrosar así a xurisprudencia da vergoña, desa listaxe na que comparecen os representantes públicos pouco respectuosos coas regras de xogo democráticas. No goberno da Marea Atlántica dirixido por Xulio Ferreiro, as causas do balbordo mediático acababan esmorecendo sempre á porta dos xulgados. Agora acontece o contrario.