“Cando o estado desaparece, emerxe a nación”, dicía Beiras para explicar o acontecido neste país durante o Prestige. Aquel momento no que Fraga compareceu en público reducido da súa talla mítica de estadista omnisciente no desterro á máis cativa pero real de gobernador civil que agarda nervioso no seu despacho pola chamada de Madrid paralizado ante o desastre. Ao político vilalbés seica lle cabía o estado na cabeza e non lle debía restar sitio para concibir Galicia como algo máis que unha provincia.

No caso da febre do vento galego que padecemos hoxe non podemos dicir que a nación emerxe en defensa dos seus dereitos ante a pasividade da Xunta, senón que se revolve fronte ao binomio formado pola Xunta e as empresas do sector eléctrico que pretenden asolagar o noso país de muíños de vento de 250 metros de altura. E non nos referimos ás portas xiratorias que levaron unha exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ao consello de administración dunha eléctrica como Greenalia, senón á propia lexislación ad hoc promulgada pola Xunta ao servizo das grandes empresas que, entre outros efectos, acurtan á metade o prazo para a presentación de alegacións aos parques e minimizan as restricións impostas por impacto ambiental. É dicir, a Xunta protexe de xeito activo coa súa lexislación ao máis forte, o cártel enerxético, fronte aos máis pequenos e indefensos, que son os veciños e veciñas das comarcas afectadas.

A explotación do noso vento faise, ademais, mediante un modelo de explotación exclusivamente privado e restrinxido ás grandes operadoras que exclúe na práctica a autoxeración ou a participación pública no negocio. Neste sentido, aínda que nos pareza ben o anuncio de UP de crear unha eléctrica pública estatal que xestione os encoros de Franco cando rematen as súas concesións, nos preferimos explotar os nosos saltos de auga mediante unha empresa pública galega. O contrario sería cambiar de muiñeiro pero non de ladrón.

E mentres todo isto sucede, o pobo organízase para loitar de xeito heroico e case en solitario fronte á ofensiva combinada da Xunta de Galicia e das enerxéticas. Así o amosan dous feitos recentes de gran relevancia. O primeiro deles foi a tramitación da petición de amparo ao Parlamento Europeo promovida pola asociación ecoloxista Petón do Lobo contra o Parque eólico das Salgueiras, en Ponteceso, autorizado pola Xunta e que incumpre toda a lexislación europea do sector. Sen dúbida, unha gran noticia. O segundo feito que salientamos son os centos de persoas que percorreron o pasado sábado en catro roteiros as terras do Eume para denunciaren os parques eólicos que pretenden instalar á beira dun dos nosos poucos parques naturais: o das Fragas do Eume. As columnas partiron de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume para se acabar xuntando de par do mosteiro de Caaveiro. É a paisaxe natal da Fusquenlla, de Roi Xordo, da primeira revolta irmandiña. Alguén debería lembrarlles aos señores do vento galego que alí naceu unha das primeiras grandes revoltas campesiñas da Europa Moderna. E que triunfou.