O proceso de dixitalización acelerado pola pandemia non ten como obxectivo optimizar a xestión de datos e a toma de decisións das grandes empresas senón, máis ben, reducir o custe da man de obra mellorando así a súa rendibilidade. Este fenómeno describíao Marx co nome de “plusvalía relativa”, a obtida como resultado do abaratamento da produción producido polo desenvolvemento das forzas de produción, é dicir, da innovación tecnolóxica. Para Marx, este proceso non resultaba en si mesmo daniño senón que, ao contrario, contribuiría a que a clase obreira se emancipase da servidume dos traballos penosos unha vez que tomase posesión dos medios de produción, o que nunca lle foi doado de facer. Non pensaba igual do que el chamaba “plusvalía extraordinaria”, aquela na que as grandes corporacións se apropian dos avances tecnolóxicos co único fin expulsar do mercado a competencia molesta das pequenas empresas incapaces custear o prezo das novas máquinas.

Marx non incluía os usuarios na súa descrición do proceso de innovación tecnolóxica pero sen dúbida ese é outro dos seus efectos, como estamos a comprobar hoxe co peche de sucursais bancarias nas vilas do noso rural. A fenda tecnolóxica é tamén unha fenda de clase: ningún millonario corre o risco de quedar sen un asesor financeiro persoal que lle diga onde mellor investir os cartiños. Ao contrario, a banca especialízase cada vez máis neles en prexuízo do pequeno aforrador ou do traballador sen aforros, a quen explota vilmente con múltiples argucias, cláusulas abusivas, comisións, xuros e trabucos dignos do dereito foral. “Deixou de ser rendible prestarlle servizos in situ ás poboacións avellentadas de rendas medias e baixas do rural galego”, concluíu hai tempo o oligopolio bancario reunido de xeito telemático. E así aforramos tamén varios milleiros de postos de traballo.

Bótase en falta hoxe unha banca pública galega con implantación no territorio que conciba a atención aos seus usuarios como un dereito máis ou servizo público, e non unicamente como un negocio. Esta banca xa existía, eran as antigas caixas de aforro galegas, mais os seus directivos soterraron nas areas do Levante español antes da Crise de 2008 os aforros de décadas de traballo da emigración galega. O noso Neguri nin foi nacional nin era capaz. Talvez o segundo a consecuencia do primeiro.

A reacción de Feijóo ante un problema que atinxía o cerne do seu electorado non se fixo esperar e constitúe toda unha mostra de desleixo gobernativo e submisión ao interese privado: entregoulle 3 millóns de euros a Abanca para que abra caixeiros no rural abandonado. Podía ter escollido a Caixa Rural, o único e digno supervivente do naufraxio das caixas galegas, pero non, escolleu unha entidade privada cun longo historial de abusos á súa clientela.

Coinciden agora no tempo as consecuencias do desmantelamento do sector público financeiro e enerxético. Non se cumpriron as promesas dos seus responsables, Felipe e Aznar, de baixada dos prezos por mor da competencia no mercado libre. Porén, ninguén os interroga, ninguén os chama a declarar pola desfeita.