Le rouge et le noir, así titulou Stendhal a súa novela sobre o ascenso fulgurante e a caída en desgraza de Julien Sorel, arquetipo para toda a novelística posterior dos avatares da ambición frustrada. Rouge, vermello, a cor das casacas dos húsares da Grand Armée, símbolo da fase imperialista e de expansión da Revolución francesa. Noir, negro pola cor das sotanas curiais e, por extensión, da reacción antinapoleónica. O paso do tempo foi fragmentando esta primitiva división binaria do campo político e ideolóxico que hoxe emprega unha paleta cromática moito máis rica e diversa, con variedades azuis e rojipardas no campo da dereita; verdes e lilas no da esquerda, que acaban competindo entre si.

O conflito de Ence foi un caso exemplar do enfrontamento entre as razóns e as faccións verde e vermella do campo da esquerda. Os traballadores que defendían durante a Peregrina os seus postos de traballo facíano sen máis consideración ca esa, sen ter en conta o impacto negativo da pasteira sobre o resto de actividades que tiñan lugar na ría de Pontevedra, como o marisqueo ou o turístico. Ence é unha industria enclave de elevado impacto ecolóxico, instalada alí para explotar os recursos dispoñibles na contorna inmediata, nomeadamente o eucalipto, e sen chegar nunca a completar o ciclo produtivo máis alá do primeiro derivado, a pasta de papel. Todo isto acontece, ademais, nun país que perde tecido industrial día tras día, e sen que a noticia da súa marcha se vexa compensado polo anuncio de novas industrias alternativas.

O caso de Touro, aínda que menos coñecido, encádrase no mesmo esquema de escolla entre unha actividade industrial de alta pegada ecolóxica aínda que xeradora de emprego, como é a reapertura da antiga mina de cobre de San Rafael, e a rexeneración dunha área visiblemente afectada pola actividade da mineira que tivo lugar entre 1970 e 1990. Pódese observar a simple vista, a partir da cor alaranxada e ocre das augas, que existe unha elevada concentración de residuos metálicos altamente contaminantes no río Portapego, que a propia Augas de Galicia describe como “de estado lamentable”. Este río forma un pequeno encoro ou braña pouco máis abaixo de Fonte Díaz de cores vivas que remiten ás augas fluorescentes da lagoa formada tras o peche da mina de wolfram de Monte Neme.

Pero o máis preocupante acontece augas arriba, xusto de par da Dona Dana, a discoteca do Luar. Por alí discorrían unha canle de evacuación das escorreduras da antiga mina que foi cegada, convertida en solo dotacional público, e construído sobre el varios equipamentos como un xeriátrico e unha gardería. A voracidade combinada da promoción urbana e a do sector mineiro xúntanse para formar unha paisaxe insalubre e apocalíptica.

A nivel social, a vila aparece dividida entre as pancartas favorables e contrarias á mina, a reprodución a escala reducida do gran debate do desenvolvemento sostible, e no que os partidarios do negro do Antigo Réxime revisten as súas inconfesables razóns lucrativas co vermello da causa obreira.