Opinión

Numerario da RAG

Esther de Cáceres, morte en Rianxo

A poeta e ensaísta uruguaia Esther Correch, coñecida como Esther de Cáceres (1903-1971) despois do seu matrimonio, é unha das grandes personalidades da cultura sudamericana do século XX. Apenas se exerceu a Medicina porque se dedicou desde moi nova ao mundo da filosofía, da crítica literaria e artística, da poesía e do ensino. Na súa casa do último piso do mítico edificio Rex de Montevideo recibía en faladoiros interminables a artistas como o pintor Torres García, o escultor Adolfo Pastor, as poetas Vaz Ferreira e Susana Soca, os críticos e intelectuais Zum Felde e Carmelo Arzadun ou o gran contista Felisberto Hernández. No seu círculo de amistades ocupaban lugar preferente os irmáns Dieste, Enrique e Eduardo e, posteriormente, Rafael. Foi tan intensa a relación intelectual con esta familia galego-uruguaia que Esther de Cáceres, editada e ilustrada por Seoane en Bos Aires, visitará Rianxo con regularidade a partir de 1949, na procura do imaxinario rianxeiro que reflicten as obras de Rafael e Eduardo.

Unha vez viúva intensificou Esther as viaxes a Galicia de xeito que despois de pasar por Nueva York para estar presente nunha magna exposición do que fora o seu amigo Torres García (1874-1949), decidiu pasar as festas de Nadal de 1971 cos seus amigos rianxeiros. Na véspera de Reis faleceu na vila galega un íntimo amigo e veciño de Rafael e a poeta uruguaia comprobou a seriedade, reverencia e sociabiliade do velorio e das honras fúnebres que se lle tributaron. Emocionada, confesa que non lle importaría morrer en Rianxo, que sería un fermoso lugar para acabar a vida.

Poucos días despois síntese indisposta e falecerá na Coruña na madrugada do día 26 de xeneiro. Deseguida será trasladada a Rianxo para ser enterrada en Tanxil no panteón da familia Dieste de tal xeito que a efectos legais e sentimentais faleceu na vila e na casa dos seus admirados Eduardo e Rafael. Ao día seguinte o propio Rafael comunica a noticia á Embaixada de Uruguai en Madrid, que inicia os trámites para a súa repatriación que motivan, para simplificar o proceso, que nas necrolóxicas e posterior biografía figure o día 3 de febrero como data do pasamento.

Resulta paradóxico que Esther de Cáceres, instalada nos cumios intelectuais do seu país de nación, escolla o acubillo dunha humilde vila galega para morrer mentres centos de rianxeiros e milleiros de galegos víronse forzados a morrer en terras alleas, terras de afora como dicía Manoel Antonio nun dos seus contos e certifica tamén o gran filósofo da ausencia, Castelao, naquel patético debuxo dun home agoniante diante da súa nai: Eu non quería morrer alá ¿sabes, miña nai?

Nós, os rianxeiros, gardamos o secreto da verdadeira data da defunción de Esther de Cáceres e a súa confesión da fermosura e humanidade da vila de Rianxo para o seu adeus definitivo.

O día 27 de xaneiro Carmen Muñoz relata, epistolarmente, con precisión, os derradeiros momentos de vida de Esther á súa concuñada uruguaia Marta Berens. Pouco despois recibirán os Dieste un agasallo inesperado contemplado nas últimas vontades da médica e intelectual uruguaia, un óleo de Colmeiro que xa estivera pendurado nas paredes do apartamento bonaerense de Rafael e Carmen para a súa venda. Alí permaneceu algún tempo en depósito aliviando a soedade do exilio ata a sorpresiva compra do mesmo por Esther de Cáceres. O regreso do cadro a Rianxo é un xesto da nobreza e aristocracia sentimental que adornaban a relación e respecto que se profesaban.