O crime perfecto non existe, nin tan sequera no dereito público, poderiamos concluír logo de coñecer o comunicado da Comisión Europea sobre as sucesivas prórrogas decretadas polo goberno desa especie de portádego medieval que para moitos galegos vén a ser a AP-9, a Autoestrada do Atlántico. Certo que outras veces temos denunciado nestas mesmas páxinas á Unión Europea como unha instancia supranacional de imposición do neoliberalismo, pero tamén é certo que Europa tornou nunha sorte de fonte limpa ou tribunal de segunda instancia ao que apelar ante o partidismo e a pasividade da xustiza española.

Dicía o primeiro Napoleón, no seu libro de citas editado por Balzac, que os crimes colectivos non os comete ninguén. No crime ao que nos referimos neste caso, o da ampliación fraudulenta do prazo de concesión da AP-9, participaron tanto gobernos socialistas como populares, en ambos casos, mediante figuras ilustres. Así, en 1994, sería o daquela ministro de Fomento, Josep Borrell, o que ampliaría o prazo dunha concesión que debía rematar no 2012 deica o 2023, mentres que no 2000 sería o o tándem formado por Manuel Fraga e Álvarez Cascos quen o estendería ata o 2048.

Esta operación de espolio do patrimonio público sería culminada tres anos máis tarde polo goberno de José María Aznar coa venda de ENA, a Empresa Nacional de Autopistas, a Sacyr Vallehermoso e sendo conselleiro de Ordenación do Territorio o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, por suposto, non abriría a boca para denunciar semellante operación de saqueo dos petos dos galegos. Ao contrario, imitaría de xeito brillante o exemplo do seu xefe anos máis tarde autorizando a suba das peaxes a cambio de obras na vía de dubidosa urxencia e necesidade, como a da ampliación da ponte de Rande ou o acceso á Cidade da Cultura, realizadas tamén sen poxa, mediante adxudicación directa.

O que vén a dicir o Consello de Europa na súa resolución é que estas operacións de ampliación das concesións se fixeron de xeito fraudulento, mediante prórrogas da concesión a cambio de obras e sen permitir a concorrencia. É dicir, empregando unha fórmula que no actual ordenamento xurídico español equivale á prevaricación aínda que, xa no seu día, os promotores, homes versados na lei, eran todos eles plenamente conscientes de que o sistema empregado non era o mellor xeito de promover a competencia na contratación pública nin de obter a mellor oferta posible.

Cómpre rematar este artigo recoñecendo e agradecendo o labor da asociación En Colectivo promotora desta iniciativa que amosa, entre outras cousas, que ás veces as plataformas cidadás acadan mellores resultados mediante a vía xurídica que os partidos políticos pola vía institucional. En todo caso, a suspensión da peaxe vé unha excelente noticia para o país. Serán máis de 150 millóns de euros os aforrados cada ano en peaxes que poderán ser destinados a fins mellores como, por caso, a gastalos nos nosos excelentes bares a xeito de celebración e compensación polo seu longo peche durante a pandemia.